Xoves, 12 de novembro Xinzo 14° Garda: FARMACIA OLIVERA CORTIÑAS, C. B.
Concello de Xinzo de Limia

Xinzo de Limia acolle a I Feira do Mercado Social en terras ourensás cun gorentoso programa repleto de actividades que convida a gozar o día enteiro en familia

3 min de lectura

Fonte
Concello de Xinzo de Limia
Concello
Xinzo de Limia
Publicada
22 out. 2024
Ver a noticia orixinal

Xinzo de Limia, a 22 de outubro de 2024. O vindeiro 27 de outubro, o concello de Xinzo de Limia achega por primeira vez o Mercado da Economía Social e Solidaria a Ourense, cunha feira de máis de 20 postos con produtos e servizos de proximidade alternativos á economía capitalista
A feira desenvolverase na praza Carlos Casares, diante da Casa da Cultura, de 11:00 a 19:30h con vontade de dar visibilidade a proxectos e actividades de Economía Social con produtos e servizos de proximidade e sustentables. Así, esta primeira edición acolle a máis de 20 postos pertencentes aos diferentes sectores, como son: agroecoloxía e produtos locais, enerxía renovable, economía circular, vivenda colaborativa, economía dos coidados, etc. Ademais, unha nutrida programación composta por actividades lúdicas, musicais e de divulgación, convida a crianzas e persoas adultas a achegarse para gozar do día.
A xornada comezará ás 11:45h. coa presentación do libro «Pragas e doenzas», de Rosendo Luis Estévez (Catro Ventos Editora, 2024). Seguiralle, ás 12:30h., a presentación da curta “os pousos do café” de Solidariedade Internacional Galicia, acompañada dun café quentiño de cortesía.
Ás 13:00h, as familias poderán gozar do espectáculo de narración oral para público familiar  “A Maleta Da Avoa”, coa verinesa Raquel Queizás.
Logo da pausa para o xantar, retomarase a actividade no espazo ás 16:00h cun café – encontro que convida a todo público implicado ou interesado en atender ao coidado do territorio desde a cultura, a se sentar arredor dun café para construírmos entre todas propostas de acción que atendan ás necesidades reais de cada territorio e desde as súas verdadeiras protagonistas. Baixo o título: ‘A cultura comunitaria como resistencia ‘, haberá un faladoiro aberto con vontade de brindar un espazo coidado de encontro entre os diversos axentes culturais da contorna, no que compartir inquedanzas, motivacións e esforzos de cara a identificar oportunidades e alianzas de xerar propostas colectivas.
Tamén a partir das 16:00h e ata as 19:00, grandes e pequenas xogantinas terán a disposición un espazo de xogo libre coa colección de xogos artesanais de Miudiño S.Coop.
Para a hora da merenda, ás 18:00h, haberá unha cata de chocolates de comercio xusto con Solidariedade Internacional de Galicia para gozo dos padais máis larpeiros e ás 19:30h, poráselle o broche de ouro final a esta fantástica xornada co concerto de Cé Orquestra Pantasma.
Sen dubida, é difícil resistirse a esta cita na que poder coñecer a economía social e solidaria, que une produtoras con consumidoras e que aposta por poñer ás persoas no centro e o consumo consciente, local e sustentable. Unha xornada na que se poder divertir aprendendo de como poder coidar de todas nós.
Esta actividade, organizada pola asociación Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia (REAS), está promovida polo concello de Xinzo de Limia e a Rede Eusumo, no marco do programa de actuación 2024/2025. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Cartel co Programa

Saber máis · Descubre A Limia Xinzo de Limia 9.699 habitantes · 20 parroquias Coñecer o concello →
PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser