Xoves, 12 de novembro Xinzo 13° Garda: FARMACIA OLIVERA CORTIÑAS, C. B.
Concello de Xinzo de Limia

Seguridade no Entroido de Xinzo de Limia 2025

2 min de lectura

Fonte
Concello de Xinzo de Limia
Concello
Xinzo de Limia
Publicada
29 xan. 2025
Ver a noticia orixinal

Xinzo de Limia, 29 de xaneiro de 2025.

O Concello de Xinzo de Limia ten todo preparado para garantir a seguridade durante o Entroido 2025, festa declarada de Interese Turístico Internacional e unha das citas máis multitudinarias do calendario festivo galego. Como en anos anteriores, o Plan de Autoprotección do evento inclúe medidas de prevención e resposta ante posibles incidencias, grazas á coordinación entre os diferentes corpos de seguridade e emerxencias.

Entre as novidades deste ano destaca a ampliación do servizo da furgoneta violeta, que protexerá a seguridade das mulleres ante posibles agresións machistas. Este servizo estará operativo non só nos días grandes do Entroido, senón tamén no Petardazo.

Debido á gran afluencia esperada para o Petardazo, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) instalará un camión de posto de mando avanzado para mellorar a resposta ante calquera eventualidade.

Durante as festas, o dispositivo de seguridade contará coa colaboración do Parque de Bombeiros de Xinzo de Limia, Policía Local, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico e Protección Civil. Haberá tamén un posto médico de auxilios, así como efectivos de Cruz Vermella e do CIM para unha resposta rápida e coordinada.

Reforzarase ademais a videovixilancia en puntos estratéxicos da vila, garantindo así unha maior seguridade para veciños e visitantes.

O alcalde, Amador Díaz, fai un chamamento á responsabilidade cívica: “O Entroido é unha festa para todas e todos, e para iso é fundamental o respecto e a colaboración cidadá”.

Saber máis · Descubre A Limia Xinzo de Limia 9.699 habitantes · 20 parroquias Coñecer o concello →
PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser