Esta entrada informa sobre a clausura dun curso de auxiliar de supermercado en Xinzo de Limia, organizado polo Dispositivo Comarcal de Inclusión Sociolaboral de Maceda. A formación, que contou coa participación de persoas de Xinzo, Vilar de Santos e Sandiás, incluíu contidos en reposición, xestión de pedidos, operacións con carretilla elevadora e manipulación alimentaria. Ademais, complementarase cun obradoiro de busca de emprego. O Dispositivo ofrece atención e formación adaptada ás necesidades do mercado laboral en 22 concellos da provincia de Ourense, grazas ao cofinanciamento da Unión Europea.
Xinzo de Limia, 09 de abril de 2025.
Esta semana clausurouse unha nova acción formativa no Concello de Xinzo desenvolvida polo Dispositivo Comarcal de Inclusión Sociolaboral de Maceda, pertencente ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia. No acto participou a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Benestar, María Ángeles Martínez Marra.
O curso, centrado na formación como auxiliar de supermercado, permitiu ao alumnado mellorar a súa cualificación profesional a través de contidos específicos en reposición e xestión de pedidos (picking-packing). Ademais, completouse con formación adicional en operacións con carretilla elevadora e en manipulación e hixiene alimentaria, ambas altamente valoradas no mercado laboral actual.
En total participaron 12 persoas —4 mulleres e 8 homes— procedentes de Xinzo de Limia, Vilar de Santos e Sandiás, todas elas cunha forte motivación por mellorar a súa empregabilidade.
Esta acción formativa completarase cun pequeno obradoiro grupal de busca activa de emprego impartido pola técnica que presta servizo semanalmente no Concello de Xinzo ás persoas demandantes de orientación laboral.
Cómpre lembrar que o Dispositivo Comarcal de Inclusión Sociolaboral de Maceda presta atención a persoas en situación de vulnerabilidade de 22 concellos da provincia de Ourense, entre eles Xinzo de Limia, desprazándose aos propios concellos para realizar a atención presencial. Alén das orientacións laborais, tamén organiza anualmente formacións adaptadas ás demandas reais do mercado laboral da comarca. Entre as máis recentes destacan os cursos de auxiliar de almacén e de prevención de riscos laborais no sector forestal.
Todas estas accións están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, dirixidas a persoas en risco de exclusión social e encamiñadas a fomentar a inserción laboral en sectores con alta demanda como o forestal, a loxística ou os servizos.