A banda infantil Uxía Lambona e A Banda Molona estrea o tema «Entroido»
27 feb 2025. Actualizado ás 05:00 h.
O merdeiro vigués recupera a popularidade perdida durante as décadas nas que permaneceu oculto no caixón dos xoguetes rotos polo franquismo. A prohibición desta figura típica do Entroido local fixo que deixase de formar parte da iconografía popular e das lembranzas da xente. Pero desde o seu rescate por parte de membros activos da asociación de veciños do Casco Vello, a súa figura é cada vez máis recoñecida.
Hai só unhas semanas coñeceuse a súa inclusión no catálogo de figuras tradicionais dos carnavais galegos nunha campaña dunha coñecida marca de aceites, e agora o seu nome colouse nunha banda sonora, dando un paso importantísimo, xa que o que non se nomea, non existe.
Troula, compañía viguesa de creación e produción de espectáculos de rúa desde 2002 con proxección internacional, acaba de lanzar un novo tema, titulado «Entroido», acompañado do seu correspondente videoclip, a cargo da banda de música infantil Uxía Lambona e A Banda Molona, escisión musical para nenos do equipo artístico formado por Sergio Rodríguez, Laura de Gabriel e Diego Rota.
Na canción, pensada para animar as festas de carnaval, sobre todo entre os máis pequenos, faise un percorrido por todos os tópicos que forman parte destas festas irreverentes do inverno e polas citas máis importantes, que inclúen Vigo, xunto a Laza, Verín, Allariz, Maceda, Cangas, Xinzo, Cotobade, Cobres, Deza, Ulla… e a esencial vertiente gastronómica: filloas, ourellas, chourizos, androlla, cocido, etcétera.
Sergio comenta que lles gusta crear temas vinculados a eventos e festas tradicionais «propias da nosa terra, como fixemos co Samaín, e levabamos anos querendo facer algo co Entroido, pero non tirábamos para adiante co asunto aínda que sempre o tiña na cabeza. Este ano ocorreuuseme un día unha melodía e unha especie de letra que podería funcionar e gravinei no móbil». Iso foi antes do Nadal e con esa base, a maquinaria Troula puxose en marcha. «Animámonos nós mesmos: ¡veña, rapaces, temos tempo para practicalo, ensaiarlo, grabalo e sacalo nun par de meses! Fixemos un cronograma, Laura mellorou a letra e puxémonos a traballar no estudio con Luis Santero», lembra.
O hándicap foi a falta de videoclip, algo que adoitan facer sempre porque ao público infantil gústalle moito e a música chega mellor acompañada de imaxe. «Queríamos facer a gravación na rúa porque é o propio do Entroido, pero tivemos que conformarnos con disfrazarnos e poñer un chroma atrás; caracterizámonos de mil historias, de piratas, vikingos, castrexos, circo… e quedou unha cousa moi divertida na onda Xabarín», opina sobre unha peza da que se encargou A Sombra Producións e que nas doce primeiras horas de estar colgada no seu canal de YouTube, tivo máis de mil reproducións.
Agora toca facelo en directo, e por agora, xunto ao resto da banda (Ñok, batería; Pali ao baixo e Abraham na gaita, con Javi como técnico de son), actuarán mañá nun colexio en Ourense, o sábado na Festa da Filloa, en Lestedo, o luns na Praza Maior de Ourense e o martes en Pontevedra con Uxía Lambona pola tarde e na Noite Pirata. En Vigo estarán como Troula facendo pasarrúas o sábado pola tarde, pero por agora non teñen actuación coa banda infantil.
Archivado en: Entroido, Carnaval, Laza, Festa da Filloa, Ourense cidade
Fonte: www.lavozdegalicia.es
