Unas 40 persoas participaron este domingo na segunda etapa do ciclo de andainas pola Vía da Prata, un evento promovido pola Deputación de Ourense a través do Inorde. O percorrido, de dificultade media-alta, consistiu nunha ruta de 34,8 quilómetros entre Verín e Xinzo de Limia, atravesando puntos de notable valor patrimonial como o Castelo de Monterrei, o val de Albarellos e o alto das Estibadas.
Ao chegar a Xinzo de Limia, os participantes visitaron as instalacións do Museo Galego do Entroido (Mugae), onde recibiron unha charla introductoria sobre esta tradición galega.
Esta iniciativa forma parte do proxecto transfronteirizo Camiño Vertical, cofinanciado polo programa europeo Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP). O obxectivo estratéxico da actividade é potenciar o turismo sustentable e dinamizar a economía rural mediante a valorización do patrimonio histórico e natural da provincia.
O programa completo comprende catro etapas e máis de 90 quilómetros de percorrido entre Feces de Abaixo e a cidade de Ourense, contando co apoio de guías especializados e transporte gratuíto en autobús. A terceira etapa terá lugar o domingo 14 de xuño, con saída desde Xinzo de Limia cara a Allariz (20,8 km). As persoas interesadas poden inscribirse a través da web www.conocegalicia.es ou chamando ao 988 253 359.