Mércores, 11 de novembro Xinzo 11° Garda: FARMACIA OLIVERA CORTIÑAS, C. B.
CDR O Viso

Participamos na Expofamilia 2026: punto de encontro ó redor da educación, a saúde, o benestar, a inclusión e o lecer

4 min de lectura

Fonte
CDR O Viso
Concello
Xinzo de Limia
Publicada
9 nov.
Ver a noticia orixinal

Participamos no encontro «Café, Familia e Escola», o domingo 8 de novembro dentro de EXPOFAMILIA 2026. A idea era que cada participante puidera compartir brevemente o seu traballo, a súa experiencia e a súa visión da educación desde diferentes ámbitos e realidades. Para despois abrir unha conversa na que participaran tanto os integrantes da mesa coma o público. Un encontro participativo, próximo e enriquecedor, onde docentes, profesionais e familias  intercambiaran ideas, expor inquietudes, compartir experiencias e aprender uns doutros; a mesa contou tamén cun almorzo –do que nin tivemos ocasión de saborear- para crear un ambiente máis próximo, relaxado e distendido.
E así foi. Un luxo estar tan ben acompañado de xente que son referentes. Patricia, a fundadora do fogar educativo Trazos Class  e convertendo a Redondela nun foco do pensamento creativo. Maiuca a directora do CEIP Plurilingüe de Outes, onde promoven a escola do coidado, con moitos recoñecementos, entre eles o do Ministerio de Educación coma un dos dez centros máis sostibles de España. Diego, mestre de Educación Infantil en Tui, coa iniciativa «Obratectura», un entorno de construción. Marta e o seu “creo en educar para a vida desde o nacemento” e que ofrece formación  sobre Montessori e familias positivas porque o mundo necesita persoas íntegras que saiban amar. E Ana do CEIP Carlos Casares en Xinzo de Limia que converteu @asi_aprendo_yo nunha fermosa xanela para as familias e para outros profesor@s.
No noso caso achegamos a experiencia vencellada á educación informal, non formal e formal poñendo o acento nas relacións, no vínculo como clave da plenitude. O exemplo do Preescolar na Casa que foi capaz de deseñar un modelo rompedor e moi efectivo respectando plenamente o medio rural; testemuña de que amar educa; contribúe a vivir en harmonía cun mesmo, cos demais, co medio. E a escola tamén educa; como a familia e a comunidade. Falamos de fracaso cando ensinar é deixar de aprender, crer que un xa sabe; cando as aprendizaxes non están contextualizadas, cando a educación non é ser e estar comprometido co territorio.
Xa tiveramos a oportunidade de estar, e apoiar, a Expofamilia o día anterior, o sábado 7. Convidáronnos a aportar no eido do acompañamento educativo nun contexto de convivencia coa realidade dixital, un terreo novo e cambiante. Para nós ten sido un tema crucial nos últimos anos. Asumir como as bondades pero tamén os perigos cibernéticos chegan ó mesmo tempo a Cima de Ribeira ou Parada de Outeiro que a Tokio ou Caracas supón ter que adaptarse. Fai tres anos dous casos vividos na nosa Área de Inclusión estremeceron tanto ás profesionais que atenderon o tema directamente coma a toda a familia do CDR, o que nos motivou para tomar medidas. Estudamos o tema canto puidemos para construír, dun xeito prudente pero inmediato, respostas urxentes. Por iso saímos á rúa. Fomos á Praza Maior de Xinzo ensinar o que pode haber detrás dunha pantalla, fomos ós parques avisar ás familias, que son nosas veciñas, nosas amigas ou nós mesmas, dos riscos que estabamos detectando. Por iso xuntamos a tódolos axentes educativos da zona para explicar e para escoitar. E por iso comezamos a crear propostas alternativas ó uso ou abuso do móbil na crianza coma o panel do servizo comarcal de pediatría no Centro de Saúde de Xinzo de Limia.
Unha bolsa plástica de 20 x 10 con peche tipo “zip” é ideal para conxelar unhas peitugas ou dous chourizos. Con imaxinación e compromiso pódese converter nun inhibidor de móbiles para as familias. Algo tan sinxelo pero simbólico como identificar os tempos nos que os smartphone non son unha opción permiten aproveitar mellor os momentos.
Traballamos arredor das consecuencias dun uso non acompañado das pantallas. A sobreestimulación vicia a nosa codia prefrontal do cerebro, que non acaba de formarse ata incluso cerca dos 25 anos. Sons, luces e tacto ó servizo da tecnoloxía. Vimos tamén o impacto na autoestima derivado do ritmo das redes sociais e sobre todo, dun contido ateigado de éxitos e perfeccións.
Finalmente, percorremos o ámbito dos delitos cibernéticos. Estafas, compras, suplantación de identidades, extorsións, etc. son realidades omnipresentes na esfera dixital e malia todo, non poden ser o motivo de fuxir definitivamente delas.
Unha avoa non fai moito díxolle ó seu neto mentres estaban mirando para a bisneta da primeira e filla do segundo: “as nenas buscan os perigos porque non saben deles”. E ese é o consello que lle deixou ó neno, cargado de responsabilidade e transfondo. E iso queremos instaurar nós nas familias e comunidades: acompañar á infancia e adolescencia nos perigos dixitais porque ó non saber deles, vanos buscar.
 

Saber máis · Descubre A Limia Xinzo de Limia 9.699 habitantes · 20 parroquias Coñecer o concello →
PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser