
Estivemos na Área de Benestar Social da Deputación de Ourense
- Fonte
- CDR O Viso
- Publicada
- 19 out.
Este luns 19 de outubro estabamos convocados a unha reunión na Deputación de Ourense; recibíronnos Patricia Torres, deputada de Políticas Sociais, Conciliación e Envellecemento Activo, e Montse Rodríguez, Directora adxunta da Área de Benestar.
Durante o encontro tivemos a oportunidade de compartir algo da realidade do traballo que desenvolvemos e enfocamos algúns asuntos nos que podemos mellorar coa boa disposición e a experiencia de colaboración que recentemente tivemos coa Regularización Extraordinaria de migrantes, proceso no que participamos conxuntamente. Foi aquí onde salientamos a gran perda de José Juan Cerdeira, o Director da Área de Benestar da Deputación.
Quixemos agradecer á Deputación de Ourense a súa confianza e apoio, e agradecemos a súa disposición para seguir colaborando, readaptando os servizos e impulsando novas liñas de traballo conxuntas; referidas ó transporte, á teleasistencia, ás redes comunitarias de apoio; banco de axudas técnicas ou produtos de apoio, despoboamento, acompañamento no territorio…
E convidámolas a visitarnos, a coñecer a nosa realidade cotiá. Déronnos por feito que así será.
Sabemos que a cooperación entre institucións e entidades do territorio é fundamental para dar resposta ás necesidades da poboación, fortalecer os recursos existentes e promover iniciativas que melloren o benestar e a calidade de vida das persoas. Desde o CDR O Viso seguimos apostando polo traballo en rede, polo desenvolvemento rural e pola creación de oportunidades para a nosa comarca. E seguimos atopando persoas que sintonizan, coa vontade necesaria para axudar e aprendermos xuntas a brindar a mellor axuda posible.


