
Intercambio xuvenil Culture in Motion, unha experiencia de aprendizaxe intercultural en Lodoselo
- Fonte
- CDR O Viso
- Concello
- Sarreaus
- Publicada
- 29 out.
Do 23 ao 29 de outubro, un total de 24 adolescentes, 12 procedentes de Galicia e 12 de Francia, participaron en Lodoselo no intercambio xuvenil Culture in Motion, unha experiencia de aprendizaxe intercultural que tivo como escenario o rural galego. A temática foi o o uso dos xogos tradicionais como ferramenta de inclusión social, xestión socioemocional e desenvolvemento da identidade cultural en adolescentes.
Ó longo dunha semana, as e os participantes compartiron vivencias, descubriron novas formas de entender a diversidade cultural e estreitaron lazos a través da convivencia diaria. O deporte, os xogos tradicionais e as actividades centradas na cultura e nas tradicións locais convertéronse en ferramentas de encontro e diálogo entre mozas e mozos de diferentes realidades.
Este intercambio organizouno a Asociación Sociocultural BreGal, ONG que naceu no 2021 e que ten a sede en Ourense; conta cunha interesante traxectoria impulsando a participación da xuventude na construción dunha Europa multicultural, inclusiva e sostible. Nesta ocasión contou coa colaboración do Concello de Vedra. Sendo adolescentes de entre 13 e 17 anos os procedentes de Francia (terceira xeración de familias do norte de África), abriuse á participación de mozas e mozos de Vedra dese mesmo rango de idade. Tamén doutros lugares de Galicia.
Agradecemos que escolleran ó CDR O Viso, o aloxamento no albergue e que encheran de vida estes días o noso pobo; pola nosa parte procuramos achegarlle ás persoas participantes a riqueza patrimonial, social e cultural da nosa contorna.
Desde Bregal consideran que esta inmersión permitiulles coñecer os costumes, os espazos comunitarios e o valor da vida en comunidade que caracteriza a moitas aldeas galegas.
Saber máis · Descubre A Limia
Sarreaus
1.068 habitantes · 9 parroquias
Coñecer o concello →


