Domingo, 8 de novembro Xinzo 11° Garda: FARMACIA OLIVERA CORTIÑAS, C. B.
Entroido de Xinzo de Limia

O manturreiro no entroido de Boado (Camilo Vila García, 2010): texto íntegro

Reprodución íntegra, con permiso do autor, da comunicación «O manturreiro no entroido de Boado» de Camilo Vila García (III Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego, 2010): historia, ciclo, disfraces e o manturreiro.

Autor
Camilo Vila García
Publicación
Actas do III Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego (Ourense, 2010)
Páxinas
65–72
Estado
Texto reproducido co permiso do autor

INTRODUCIÓN

Esta achega é a escolma do traballo dun colectivo de persoas preocupadas pola situación da sociedade rural así como das propias manifestacións da poboación.

A experiencia enmárcase nun conxunto de actividades que vén desenvolvendo a Asociación de Desenvolvemento Rural “Tras-la-Xas”, que nace pola converxencia das forzas dos diferentes sectores da poboación dunha pequena aldea limiá, como se explicará a seguir.

Cómpre introducir ao lector na realidade da comarca ourensá da Limia, para comprende-la magnitude real deste proxecto, onde a manifestación máis senlleira da cultura laica é o Entroido, en cada unha das vertentes ou posibilidades nas que se presenta.

Así mesmo, é acaído achegar unha introdución do contexto concreto de estudo neste traballo, Boado, unha aldea que emerxe ó leste da capital do concello, Xinzo, a uns 3 quilómetros aproximadamente.

É moi probable que o topónimo ‘Boado’ proveña da palabra céltica bed/bud, que significaba “auga parada, charca, fonte”. É alta a fiabilidade desta hipótese ao existir na aldea, ao redor de 20 fontes e mananciais.

A poboación actual rolda o cento de persoas, das que máis dun cincuenta por cento supera os 65 anos, dato preocupante, e estendido a todo o rural galego.

Foi un pobo claramente emigrante, como tantos; ademais dos factores conxunturais, extensibles á toda a Nación, cómpre citar factores como a proximidade con Xinzo e con Ourense, o que fixo que fose doado marchar da terra. O problema máis importante da emigración en Boado deuse unha vez que esta rematou, xa que moi poucos foron os que optaron por volver á terra nai, e quedaron espallados pola xeografía galega, sobre todo en Vigo, Ourense e Xinzo, por iso a poboación envellece a uns pasos axigantados.

As terras son regadas por dous importantes ríos da zona, o Río da Bea, que en terras boadesas conflúe no Río Limia, que lle da nome a comarca.

Por estar no marco da terra Limiá, é doado atopar amplas superficies chas, aínda que o núcleo do pobo está ó resgardo dun monte.

Actualmente a vocación agraria é evidente e case exclusiva entre as escasas actividades económicas do pobo limiao. Pese á existencia dunha pequena cabana de gando bovino, hai que dicir que o pobo vive das súas terras, pois dáse o cultivo extensivo tanto de pataca como de cereal, existindo algunha plantación de legumes.

A nivel histórico hai que mencionar que non se presentan diferenzas notables coa historia común na zona, aínda que na historia máis recente vamos subliñar a pegada que deixou a Guerra Civil en Boado, con máis dunha ducia de mortos, ademais de enfrontamentos entre membros da mesma familia e barbaries similares, polo que o pobo quedou dividido en dous durante moitos anos.

Tamén cómpre falar do tres de maio de 1945, que trouxo consigo a xeada máis importante da historia limiá, é que deixou a zona sen posibilidades económicas, foi o chamado “ano da fame”, do que as xentes non se recuperarían ata cinco anos despois.

Boado aparece como un pobo adormecido, máis unha xeira de movementos promovidos polos propios habitantes fai que o espírito da terra non se esvaeza.

Neste senso, cómpre falar da Asociación Cultural, de Desenvolvemento Rural e Promoción do Camiño de Santiago, “Tras-la-Xas”, que nace oficiosamente na primavera de 2007, para constituírse oficialmente en 2008, e ser o referente do traballo mancomunado do pobo. As liñas de actuación son diversas, por un lado, e aproveitando o paso do Camiño Portugués cara Santiago, dende a Asociación estase a traballar para fomenta-lo coñecemento e uso do mesmo; por outra banda, a actividade da asociación encamíñase cara a conservación e aproveitamento dos recursos etnográficos que presenta a aldea, así, podemos atopar un forno centenario, que pasou de catro décadas de esquecemento a ser o eixo que vertebra a vida social do pobo, acollendo a celebración de diferentes eventos ao longo do inverno (Magosto, a Noiteboa do Mozos, Noite de Reis, Concurso Anual da “Pataca Máis Grande”, e recentemente, o Entroido), unha Aira reformada como Praza do pobo é sede da festa, a vintena dos devanditos monumentos relacionados coa auga, etc.

O ideal que cimenta a Asociación e que tamén é o lema da mesma, é o desenvolvemento dunha vida activa, produtiva e real en Boado.

Atendendo ao Entroido, tema do traballo, cabe citar o labor mancomunado de vellos e novos en prol dunha recuperación real do Entroido de Boado, así como da súa figura por antonomasia, o Manturrieiro.

As primeiras actividades foron a xuntanza do pobo con motivo da celebración do Entroido, a colaboración na elaboración de petiscos para toda a xente, a reaparición do Maturrieiro na festa, e a lectura das coplas de Entroido, puntos que serán explicados máis adiante.

Considero necesario facer unha pequena introdución en relación ó Entroido de Xinzo, en parte culpable da desaparición dos outros moitos entroidos que se celebraban nos pobos.

É polo grande público ben sabido o significado, tradicións e disfraces do Entroido de Xinzo, pero é ben seguro que moi poucos reflexionen sobre o feito de que o Entroido dos nosos días non é máis que unha herdanza adquirida como testemuña da festa e culturas galegas, noutrora tan valoradas.

Así, podemos analizar, a xeito de contextualización, algúns dos fenómenos que acarrea o Entroido de Xinzo: a máscara representativa é a Pantalla, reflexo dun ser viril, que dificultou, ata os nosos días, a incorporación da muller ao Entroido, por outra banda, podemos tamén recoller o fenómeno centralizador que tivo, pois foi acabando cos entroidos da aldeas; a dimensión actual do Entroido, convérteo na referencia da festa no País, o que conleva o excesivo número de entroideiros, punto polo que o Entroido perdeu certo carácter de escarnio local; a invasión transgresora do espazo público é unha das características propias da festa, malia que actualmente os espazos xa se delimitan previamente con bastante rixidez; tamén se desbotaron os costumes rurais menos finos (as fareladas quedan reducidas a unha inocente batalla infantil e Xinzo tampouco quere petardos nin fomenta os “cichadores con auga”).

HISTORIA DO ENTROIDO DE BOADO

A continuación farase unha visión histórica do Entroido de Boado nos últimos cen anos, marcados nun alto grao polo feito máis importante que ocorre na España do século XX.

Centrándonos xa no estudo socio-histórico do Entroido de Boado, hai que citar que todo o material recollido foi grazas a inestimable colaboración dos veciños do pobo, encantados ante o proxecto de estudo do Entroido e a posibilidade da recuperación do mesmo.

Hai datos concretos, que xacen na lembranza dos que o viviron, de que o Entroido en Boado existe dende antes da Guerra Civil (1936-1939) e xa por aquel entón se celebraban festas os dous domingos anteriores ó comezo da Coáresma, chamado Entroido, ou pola influencia do idioma cervantino, Carnaval, e no corazón de cada boadés, Antroido.

Unha vez rematado o conflito, non é ata 1942 cando o Entroido renace en Boado, como unha festa maioritariamente rural, sen importantes gastos económicos, xa que non había de onde sacalos. O Entroido facíase na casa, tanto os disfraces como a propia animación.

Dende a Guerra Civil ata o 1955 estivo prohibido polo réxime franquista, pero nas aldeas apostouse por non caer no desarraigo e loitouse por que a festa non morrese.

Os máis vellos lembran con nostalxia aquel Entroido de 1950, do que se soubo en toda a comarca, dada a espectacular festa que se xerou.

En 1955 érguese a lousa da prohibición sobre os entroidos, e o de Boado entra nun importante declive, que o levará ata a súa desaparición. A oferta era moito maior, a o apoio da xente concentrouse en Entroidos máis multitudinarios.

A persoa que ata entón se alzara co peso do Entroido, o señor Silvestre, deixou de tocar na “Aira dos Moitos”, centro neurálxico do pobo e auténtico epicentro do Entroido, situada ó carón do Cruceiro, que representa o centro do pobo, a “Aira dos Moitos” eríxese como unha maxestosa superficie chan, de dous niveles, e que se presta á perfección para a celebración de acontecementos como o do Entroido ou a festa do San Pedro. O Silvestre calou, e no seu lugar aparecen os tocadiscos, que tentaron amenizar os festexos dos boadeses, así tamén foron calando os gaiteiros e as lateiras, que con vigor tocaban nas latas de pemento que viñan da feira.

Pode datarse da segunda metade da década dos sesenta a volta dos emigrados para as súas casas natais, e estes prefiren un Entroido máis masivo como podía ser o de Xinzo.

O Entroido servía así mesmo para ampararse e darse o gusto da mellor comida do ano. Este é o derradeiro legado que o Entroido nos deixa, e que perdura actualmente.

Xa que o Entroido coincidía dous meses despois das matanzas, aproveitábase para degustar os mellores manxares, comidas moi calóricas, centradas no porco e na verdura da horta. Un exemplo é o coñecido lacón, chourizo e grelos. Acompañábase cunha sobremesa espectacular, na que as raíñas foron sempre as orellas de Entroido, escoltados por saborosos buñuelos ou “chulas”, ou mesmo filloas. Todo estaba ben regado con viño e copas de augardente, licor de café ou chupitos de mezclado (augardente máis licor de café).

Pero dentro desta homoxeneidade, había un intento por cambiar os menús dos dous grandes días, domingo e martes; podendo incluso, e respaldados pola conciencia popular, establecer diferenzas entre ambos días, así:

  • O domingo era tradición comer pedro ou chourizo gordo, e cachucha, ademais de cachelos, como non, e verdura (grelos ou verza).
  • O martes, co gallo de mudar un chisco, acostumábase a servir lacón ou o queixal do porco, coa correspondente verdura e as patacas cocidas.

OS DISFRACES

Cómpre facer un estudo pormenorizado do máis importante do Entroido, os disfraces, que outorgan a complicidade necesaria para poder gozar da festa.

É, sen dúbida, aquí onde reside a maior particularidade do Entroido de Boado, pois exerce de subcultura dentro da cultura galega do Entroido, pois mestúranse elementos comúns no Entroido, así como particularidades propias de Boado.

Neste apartado é tamén onde se pretende facer unha clara diferenciación do Entroido de Boado co de Xinzo.

Xinzo, e a súa pantalla, por todo entendida como símbolo de festa, é ademais dese símbolo, un despropósito continuo cara ó Entroido, pois a autoridade que teñen é cada vez menor, e as condutas actuais non axudan a que a situación mude.

A Pantalla expropiou de Entroido ós pobos, non dun xeito patente e explícito, pero si sucintamente, e nunha apreciación persoal, se se me permite, creo que non merecía a pena pisar ó mais débil, se el era feliz, para procurar unha masificación que só fai feliz a uns poucos.

Coa diferenciación segundo o día no que se atoparan, pode establecerse unha relación de disfraces, diferenciados en canto a quen o vestía, porque o Entroido si que establecía roles distintos a homes e mulleres. Así:

No home:

  • Espantallo: Un home collía palla e recubría o corpo, a modo de vestido elaborado, tentando cubrir a maior parte do corpo, así, ademais de conseguir a risa dos asistentes adultos, ocultábase e pretendía asustar ós máis cativos do pobo, que vían no Entroido un pesadelo de monstros e caras feas. Chamouse nalgún momento pantalla.
  • Garda Civil (ou calquera outra autoridade): A orixinalidade era pouca, pero prestábase á perfección para facer mofas e troula. Se había algún familiar no corpo, era perfecto, e se non era así, non pasaba nada, pois facíase o máis orixinal posible.
  • Vaca ou mula: Dous homes, colocados un detrás do outro, dando unha semellanza ós dragóns chineses, tapábanse cunha manta ou cobertor, e elaboraban dous cornos, cando eran vacas, para metérense coa xente.
  • Muller: O Entroido era a mellor ocasión para sacar as galas das mulleres da casa, pero no corpo dos homes. O Entroido dá o dereito a travestirse, e ningún dos homes fuxía da tentación de colocárense unha saia, una toquilla, unhas medias e refaixo.
  • Coroza: Era unha prenda confeccionada a partires dos xuncos que era doado atopar nas cuantiosas zonas con lentura dabondo para que crezan. Os xuncos eran sometidos a un proceso no que se mazaban, para logo confeccionar as máis diversas prendas. O fin primeiro das carozas era a de protexerse cando era a época da rega e a de servir como prenda común para ir co gando. Xeralmente elaborábanse chalecos e polainas. No Entroido facían as delicias dos asistentes grazas a súa vistosidade.
  • Carucho: É a propia caroza con carapucha, é dicir, un complemento máis que lograba que se tapara a cabeza, o que favorecía que se descoñecese a identidade da persoa que o levase. Tanto nas carozas como nos caruchos eran afamadas as que elaboraban Camilo Vila e o Tío Soutelo.
  • Vellos das chocas: Os máis veteranos na festa gustaban de asustar á xente, sobre todo a semana anterior ó Entroido. Para elo, colocaban unhas chocas ou chocallas ó redor do lombo, corrían o pobo en busca de posibles vítimas das súas falcatrúas.
  • Manturrieiros: (motivo de estudo máis adiante).

Na muller:

  • Feas: O domingo, coincidindo coa chegada dos visitantes das veciñas aldeas de Pena, Soutelo e sobre todo de Pidre, a tradición mandaba que o disfrace era o de fea, pois era o agasallo que lle brindaban ós visitantes. Non eran exactamente feas, as mulleres ían de velliñas, de enfermas ou de seres deformes. Colocaban recheos de palla na chepa e na barriga, acompañado todo polas galas máis vellas e gastadas que se tivesen na casa. Tentábase tamén cubrir a cara, cun trapo con dous buratos para os ollos máis unha media ou unha careta feita na casa ou na escola.
  • Bonitas: O martes era o día máis importante para os boadeses, pois era o día que polo xeral tomaban a alternativa e ían a Pidre a versear. Para dar a mellor imaxe, as mulleres disfrazábanse de bonitas. Non era máis ca un traxe de lunares, se podía ser, con flocos e volantes, recibía tamén o nome de andaluzas ou xitanas.
  • Española: É unha variante de bonita, pero era a variante máis vistosa, pois do xeito máis artesanal posible, colgábanse milleiros de papeis para a ornamentación, ademais, creábanse as propias xoias e complementos.
  • De época: Unha corrente, que non por menos estendida era menos importante e curiosa, é a que mantiñan algunha das rapazas do lugar, que rexeitaban abertamente o traxe de españolas, e optaban por utilizar prendas dos primeiros de século da sociedade rural galega, que era a que pertencían.

O CICLO DO ENTROIDO

O Entroido en Boado, salvagardando algún detalle, seguía o esquema xeral da comarca, é dicir, preludio do Entroido, domingo e martes propios, e mércores da cinza ou cinsa.

A xeito de almanaque do Entroido, poderiamos cita-los momentos máis importantes, sen esquecer que o Entroido é a festa da improvisación por antonomasia, polo que non se rexía festa por un guión preestablecido, aínda que se atopan datos comúns en tódolos anos. Así:

Domingo corredoiro, fareleiro ou das chirnas: Neste domingo anterior ó Entroido o día comezaba cunha misa común para logo pasar o costume de acender un importante lume nunha zona estratéxica, entre o Cruceiro e a Aira do Moitos, onde hai unha parede de pedra no lugar, que era o refuxio daquel que non quería ser lixado polos demais participantes na festa. O obxectivo dos xogos eran por un lado, coas chirnas (restos de madeira ou similar que quedan a medio arder, polo que manchan moito) manchar á xente, e por outro lado procurábase saír limpo das festa. Ademais das anteditas chirnas empregábanse materiais como cinza ou farelos, de onde lle provén o nome de domingo fareleiro ou das chirnas.

Ademais do xogo mencionado, o ambiente estaba amenizado polo ritmo da lateiras, como a inigualable Tía Lucinda, que dunha simple lata de pemento que chegaban a Boado da feira, sacaban as máis engaiolantes melodías.

Ó longo de toda a semana que transcorría dende o domingo corredoiro ata a chegada do Entroido, era a semana de asustar á xente, para iso estaban os vellos das chocas, que formaban amplos grupos. Outros, sen seren os vellos das chocas, é dicir, os máis novos de Boado, tamén asustaban a xente (sobre todo as rapazas casadeiras) pola noite, amparados pola escuridade, ou mesmo chegando a simular seren ladróns.

Á raíz destes acontecementos xurdiron cuantiosas lendas e contos, como o famoso ano no que se asaltou o fiadeiro, sen poder recoñecer a ningún dos atracadores.

O domingo de Entroido: O día comezaba cunha misa, cuxo remate outorgaba a licenza precisa para comezar a troula.

Mandaba a tradición que o domingo de Entroido que os de Boado eran visitados polos veciños dos pobos veciños (Pena, Soutelo e potencialmente Pidre, do que dista un quilómetro aproximado), eles viñan moi ben vestidos, pola contra, os boadeses agardaban a visita coas peores galas posibles, indo na medida do posible de feos.

A orde non estaba establecida, pero polo xeral os de Pidre eran os que viñan o domingo cara Boado, para logo o martes inverter a orde.

O obxectivo dos de Pidre era satirizar os costumes e acontecementos dos de Boado e para elo viñan provistos de textos escritos con anterioridade, nos que sen mala intención se dá unha volta polo escuro da vida de cada una dos veciños do pobo do lado.

Pero sen dúbida, o maior atraínte do asunto era cando se establecía unha corda no camiño cara o pobo adversario. Cando os de Pidre chegaban as inmediacións de Boado, xa se esperaban cunha corda que simbolizaba que non a podía atravesar, e polo tanto, a xeito de regueifa comezaban a versear. Un tomaba a palabra por un lado, e a réplica non se facía de agardar. Perder esta loita dialéctica significaba ser motivo de mofa durante un ano enteiro, polo que había xente que se especializaba no asunto, e no momento que chegaba o pobo invasor eran procurados por todos para rebater as acometidas do outros, son lembrados pola súa rapidez mental tanto como pola súa espontaneidade o Tío Soutelo (o rei do Entroido de Boado) e o Antonio Furela.

Neste apartado valeume de gran axuda a estreita colaboración que mantiven na realización do traballo con Ángela Iglesias, que é a última figura do xenuíno Entroido boadés. Ela recitoume (como se poderá apreciar nos arquivos gráficos axuntados) a seguinte estrofa, nun momento de pánico ante os ataques dos de Pidre, e facendo tempo para que chegasen os verdadeiros especialistas, pois os versos din así:

(Peghilla de Pidre)

Se me facedes o favor
retirades a cordela
porque se non a quitades
chega o sangre a Pontecela*

*zona comunal de Boado, que se atopa na parte máis baixa do pobo.

(Ángela Iglesias de Boado)

Ei de vos dicir unha cousa
e non me digades que non
pra arrebater ós de Pidre
chegan os cas do Simón

Isto é un claro exemplo da rivalidade que se vivía nestes enfrontamentos verbais, nos que participaban tanto os ilustrados como os que non sabía nin ler, porque era tan só a arte da improvisación a que valía nestas ocasións.

Ó rematar os enfrontamentos, a festa era amenizada polos gaiteiros e as lateiras que conseguían, cos seus cantos e ritmos, que os pobos se amizasen por un intre.

Luns de Entroido: Era un día tranquilo, pois aínda duraba o cansazo do día anterior e ó día seguinte agardaba outra festa igual. Tan só pola noitiña, os máis atrevidos eran os que se disfrazaban e saían á rúa para facer falcatruadas coa xente que por aí estaba. Ademais tiñan a licenza de entrar nos teares, onde estaban as mozas, e nas cociñas.

Empregábanse os traxes da semana anterior, de farrumeiros, que se caracterizaban polo descoidado na elaboración.

Martes de Entroido: O domingo é un día que asemella ó do martes, pero coa peculiaridade de que se inverten os papeis en canto a que pobo visita ó outro. Polo xeral, o martes chegaban de bonitos os boadeses á territorios de Pidre, onde se enfrontaban en batallas dialécticas, e onde os de Boado lle lían o testamento, onde intentaban ridiculizar a todos os de Pidre. Hai a lembranza de que incluso ós martes había misa.

Tamén había música, dos gaiteiros case sempre, aínda que paulatinamente se foi substituíndo polos tocadiscos.

O paso do tempo trouxo consigo unha xeira de importantes variacións, produto da conxuntura que se deu nese momento. A festa fíxose cada vez máis privada, que por un bando enriqueceu os lazos afectivos dos boadeses, pero tamén fixo que a xente crera que se estaba a rematar a tradición e se refuxiara no Entroido de Xinzo.

Entre as claras vantaxes, dende o meu parecer, foi a posibilidade de que os testamentos fosen escritos por e para boadeses, o que multiplicaba a graza que facían, pois por todos eran coñecidos os trafegos de cada un.

O último testamento que se escenificou en Boado data de 1981, data na que a agonía apoderouse dunha tradición tan beneficiosa para o pobo.

O mércores de cinza: A festa chega ó seu fin, a relixión, omnipresente na sociedade galega, veta a festa por unha tempada, un ano. É tempo de Coresma, de relixión, de paixón. Celébrase a misa máis solemne do ano, na que non se cantaba, era de cumprida obriga levar un velo negro (aínda que o seu uso era frecuente xa durante o ano, agás na Inmaculada, na que as solteiras levaban o velo branco), tampouco podía tocar a banda dentro da igrexa, privilexio exclusivo para o día de San Pedro.

O ENTROIDO DOS NENOS

Os nenos eran menos nenos do que son agora. É por iso que non se pode establecer a que idade se deixaba de ser nenos, simplemente se deixaba, ben fose por méritos na escola, no traballo, por ter algún irmán mozo, ou polo que sexa, pero o certo é que ó Entroido dos maiores non podía acceder calquera neno, e isto roza a contrariedade, pois os nenos son os que potencialmente máis poden troulear na homenaxe a don Carnal.

Para os cativos estaba reservada outra función, unha festa diferente, da que eu podo dicir que fun partícipe.

A noite do sábado de Entroido, ou o luns no seu defecto, os rapaces ataviábanse cos farrapos máis vellos da casa, e así conseguían ir de xitanos ou mazarocos, aínda que tamén se incluían no costume dos maiores de chamarlle “farrumeiros”, que todo aquel que non tiña disfrace definido, pero que se tiña ganas de troulear e pasalo ben.

O xogo dos cativos consistía en ir de porta en porta pedindo unha esmola, que gustosamente daban en todas as casas, aínda que nalgunha agardaban ós rapaces para asustalos. Os nenos recibían, polo xeral, ovos, chourizo, conservas, pan… é dicir, o imprescindible para unha boa cea, que preparaban na casa dalgún deles.

O MANTURRIEIRO

Procedo a continuación a facer un estudo do personaxe máis importante e temido do Entroido boadés.

Eran estes os verdadeiros protagonistas do Entroido de Boado, cando entraban nas casas da xente (e máis recentemente nas tabernas) para asustar a todo o presente, centrando as súas iras nas mulleres, a quen intentaban espir, e nos nenos, que se mostraban temerosos ante a posibilidade de que chegaran os tan temidos Manturrieiros.

As súas accións centrábanse en dous campos ben diferenciados: un, na rúa, xa que todo o que se atrevera a frecuentar as rúas do pobo en días tan sinalados tería o seu merecido a xeito de susto e troula; e dous, nas casas, onde entraban de socato nas lareiras da xente, que era onde estaban xeralmente, e ofrecían un inmenso repertorio de falcatrúas e festexos.

Na súa vestimenta destaca:

  • A “manturria”: feita cos sobrantes de outras confeccións, ou incluso con farrapos vellos, e que cubría todo o corpo da persoa que o levaba. As súas partes eran o carapucho, na cabeza, o lombo, nas costas, e o peito, na parte dianteira.
  • A corda: coa que se fai o nó que forma o carapucho da cabeza, onde se mete esta última, para ocultar o rostro.
  • O cinto: xeralmente de coiro, para amarrar a manturria ó corpo pola parte da cintura, intentando cubrilo coa propia manturria.
  • A toquilla: tapábanse as costas con ela, podía tratarse dun farrapo negro, ou totalmente colorido.
  • A merda: era común impregnar o traxe con excrementos ou lodo para lograr un aspecto máis macabro.
  • O cesto: os Manturrieiros portaban un cesto, no se levaba ou cinsa, fariña ou palla seca, para emporcallar á xente.
  • O pau: era o principal utensilio para asustar, recomendable que rematase en punta para facer máis mal.
  • Chocas (opcionais): hai dúas correntes entre a sabedoría popular, hai quen di que non as podían levar para manter o sixilo, mentres outros din que si as levaban, porque o importante era facerse notar.

Adoitaban saír pola noite, ou como moito á noitiña, pero nunca baixo a luz do día, que exercía un papel de inimiga, pois o máis importante era que pasaran os días do Entroido e que a xente non soubera quen foron os que pasaron polas casas, e así discutir por se sería unha ou outra persoa.

Ligazóns

Fontes

  1. O manturreiro no entroido de Boado, en Actas do III Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego: O ciclo do entroido (Deputación de Ourense, 2010), pp. 65-72. http://revistas.biblioteca.uvigo.es/libros/ACTAS_III_CONGRESO_ETNOGRAFIA.pdf
  2. O manturreiro no entroido en Boado (Dialnet, rexistro bibliográfico). https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=7238588
PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser