
Antonio Luz presenta "Alalá", o seu novo sinxelo
- Fonte
- La Voz de Galicia
- Concello
- Sarreaus
- Publicada
- 22 xan. 2025
O artista ourensán Antonio Luz acaba de publicar “Alalá”, o primeiro sinxelo do seu próximo álbum, previsto para finais de 2025. A canción fusiona o flamenco coa música tradicional galega.
“Este tema naceu na miña casa, onde teño o meu propio estudio. Gravei eu mesmo as voces, as flautas e as guitarras flamencas e logo encargueime das mesturas”, conta Antonio.
Procedente de Sarreaus, aínda que actualmente reside entre Madrid e Ourense, Antonio inspirouse nas súas orixes para crear “Alalá”. “Vén de unha familia moi grande. O meu pai ten once irmáns e a verdade é que dende pequeno escoitei cantar flamenco na casa da miña avoa, en Trasmiras”, lembra. “Todo ese son influíume na miña carreira ata dar coa combinación perfecta, que é mesturalo coa música tradicional galega”, engade.
Autodidacta na gaita, guitarra, flauta e canto, Antonio destaca a súa paixón pola música: “Gustame moitísimo a música e creo que é algo que se leva dentro”.
“Alalá” é un canto de amor. O videoclip, a cargo da produtora galega O Faiado, rodouse entre a pequena aldea de Nocelo da Pena, en Sarreaus, e varias praias de Vigo. Antonio contou coa colaboración das Rebulideiras de Sarreaus e das bailarinas do grupo María Rial Flamenco de Vigo.
“Sentome feliz de todo o bo que me está traendo este tema e iso que só leva uns días publicado. A verdade é que estamos a recibir moi boa resposta por parte do público porque o que facemos é algo totalmente novo. Arriscámonos e saíu ben, así que estou encantado”, conclúe o cantante de Sarreaus.
Publicado o 22 de xaneiro de 2025.
Saber máis · Descubre A Limia
Sarreaus
1.068 habitantes · 9 parroquias
Coñecer o concello →


