Domingo, 8 de novembro Xinzo 11° Garda: FARMACIA OLIVERA CORTIÑAS, C. B.
Diario do Limia

FOTOGALERÍA | Unha fin de semana na Limia moi reivindicativa e cultural

3 min de lectura

Fonte
Diario do Limia
Concello
Xinzo de Limia
Publicada
21 out. 2024
Ver a noticia orixinal

Comezamos o noso repaso do que foi a fin de semana o venres. Este pasado 18 de outubro, varias mulleres de Laroá, Fiestras, Nocedo e Faramontaos, todas elas integrantes da Asociación de Mulleres Rurais A Lomba, festexaron o Día delas visitando o obradoiro do escultor limián Xosé Lois Carreira, quen lles amosou ás visitantes o seu último traballo: a escultura da primeira xinecóloga galega, Olimpia Valencia, orixinaria do concello de Baltar, e á que Carreira está honrando dándolle forma na pedra. 

Cara a noitiña, tamén dese venres, foi a quenda doutro limián de pro, Antón Riveiro Coello. O salón de plenos do Concello de Xinzo acolleu unha actividade aberta organizada polo Club de Lectura Antelea, onde os asistentes tiveron a oportunidade de comentar a novela A ferida do vento co seu autor. Trala charla, celebrouse un coloquio participativo, no que veciñas e veciños compartiron as súas impresións sobre a obra.

Seguimos con xente que ten moito que dicir, e ensinar na Limia: a “profe” Inma. Xa o sábado, Xinzo de Limia acollía a xornada educativa “Rebelión Docente”, un evento pioneiro que reuniu a mestres, educadores e familias para reflexionar sobre un novo modelo educativo. Coordinado pola pedagoga Inma Jardón, o encontro centrouse na importancia do xogo, o desenvolvemento emocional e a neuroeducación para unha educación máis respectuosa e adaptada aos tempos actuais.

A xornada foi todo un éxito, cunha ampla participación e interesantes intervencións por parte de recoñecidos profesionais do ámbito educativo.

A segunda xuntanza do movemento estatal Nos Plantamos/Plantámonos, que se celebrou en Allariz dende o venres 18 ata este domingo, finalizou cunha xornada protagonizada por un roteiro reivindicativo pola comarca da Limia co obxectivo de dar a coñecer de primeira man os impactos da gandería industrial.

Ao longo dese encontro leváronse a cabo diferentes dinámicas e formacións co fin de establecer estratexias para denunciar os impactos sociais e ambientais do modelo agroalimentario e poñer sobre a mesa os vindeiros pasos para avanzar en colectivo cara unha transición agroeocolóxica no marco da soberanía alimentaria como alternativa á agroindustrialización da produción de alimentos.
E para rematar, o Museo da Limia quixo festexar o cancioneiro popular nun acto de entrega simbólica de material recollido da tradición oral, patrimonio inmaterial que partíu no seu día dos eidos galegos e que volvía a eles para ser gardado e protexido. No museo limián quedaron xa custodiados os contidos dixitalizados de cinco cintas de casete, testemuño que conteñen a expresión musical, recollida nos anos 77, na aldea de O Toxal.

Saber máis · Descubre A Limia Xinzo de Limia 9.699 habitantes · 20 parroquias Coñecer o concello →
PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser