Mércores, 11 de novembro Xinzo 11° Garda: FARMACIA OLIVERA CORTIÑAS, C. B.
CDR O Viso

Impulsando oportunidades de emprego no sector sociosanitario na Limia

2 min de lectura

Fonte
CDR O Viso
Publicada
6 out.
Ver a noticia orixinal

Desde o CDR O Viso, a través do servizo de orientación laboral e no marco do Programa Estatal FSE+ de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza, seguimos traballando para acompañar ás persoas na mellora da súa empregabilidade, promovendo itinerarios personalizados que dean resposta tanto ás súas necesidades como ás oportunidades que ofrece o mercado laboral na comarca da Limia.
A comezos de 2026 atendemos un grupo de persoas interesadas en orientar o seu futuro profesional cara ao ámbito sociosanitario. Tras valorar as súas circunstancias persoais e laborais, foron derivadas á acción formativa en teleformación “Atención sociosanitaria en coidados ás persoas con necesidades de apoio (discapacidade/dependencia) en contornos comunitarios”.
Un total de 7 persoas completaron esta formación, que lles permitirá iniciar o proceso de acreditación e avaliación de competencias adquiridas por vías non formais de formación, un paso importante para obter unha cualificación profesional que mellore as súas oportunidades de acceso ao emprego en residencias, centros de día e vivendas comunitarias.
Como parte do seu itinerario formativo, realizaron tamén as prácticas no Fogar de Antioquía, vivenda comunitaria, onde puideron achegarse á realidade do coidado e do acompañamento ás persoas en situación de dependencia e poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante a formación.
A atención sociosanitaria é un dos sectores con maior demanda de profesionais na nosa comarca. Por iso, ademais de facilitar o acceso á formación, desde o servizo de orientación laboral continuamos ofrecendo un acompañamento individualizado para fortalecer as competencias de procura activa de emprego, mellorar a empregabilidade e favorecer a incorporación ao mercado laboral.
No CDR O Viso cremos que xerar oportunidades de formación e emprego tamén significa fortalecer o medio rural, contribuír á fixación de poboación e avanzar cara a unha comunidade máis inclusiva, cohesionada e con maiores oportunidades para todas as persoas.

No CDR O Viso, continuamos traballando por e para a inclusión no medio rural no marco do Programa de itinerarios integrais contra o despoboamento rural e a inclusión social concedidos a COCEDER, enmarcados no Programa Estatal de FSE+ de inclusión social, garantía infantil e loita contra a pobreza (2021ES05SFPR003). Son gratuítos, cofinanciados pola Unión Europea e a Xunta de Galicia a través do Programa Integral de Intervención Comunitaria no medio rural, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e do Imposto de Sociedades, xestionado pola Consellería de Política Social e Igualdade.
 

PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser