Venres, 27 de novembro Xinzo 8° Garda: ANTONIO GOMEZ PENIN
CDR O Viso

Recibimos en Lodoselo a 3 auditores da UE que están en España revisando os fondos do PRTR

3 min de lectura

Fonte
CDR O Viso
Concello
Sarreaus
Publicada
20 feb.
Ver a noticia orixinal

Este xoves, 19 de febreiro, recibimos en Lodoselo a 3 auditores da Unión Europea que están en España revisando os fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). Esta semana tocáballes auditar a xestión dos fondos realizada polo Ministerio de Dereitos Sociais e achegáronse a coñecer in situ o proxecto Biocoidados a Lodoselo.  Acompañáronos Berta González Antón, asesora do Gabinete da Secretaría de Estado e Ignacio Bolea, Subdirector Xeral de Promoción do Terceiro Sector e do Voluntariado do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e unha persoa do Ministerio de Facenda.
Tamén tres persoas do equipo técnico de COCEDER (Mariola, Mª Jesús e José Luis) que nos comunicaban o interese de traelos a Lodoselo e facelos partícipes da nosa experiencia. Indicárannos que se trataba dunha visita técnica, non de carácter administrativo. E preparámola conxuntamente. A finalidade era coñecer a experiencia de Biocoidados no territorio. Por que Lodoselo e o CDR O Viso?
Polo seu impacto no desenvolvemento de evidencias e achados relacionados coas solucións innovadoras de Biocoidados. Tamén pola efectiva xestión técnica e económica do proxecto así como a continuidade dos servizos despois da finalización do proxecto, con colaboracións, que fixeron posible dalgún modo a continuidade.
Contamos tamén coa presenza do Director Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade en Ourense, Santiago Álvarez González, como colaboradores que apoiaron antes Biocuidados e agora “Sostendo a vida en comunidades rurais”, como un proxecto que capitaliza a experimentación de Biocoidados e consolida e escala  accións e iniciativas innovadoras de impacto social que fomentan o acceso ós servizos no medio rural dentro do colectivo de persoas maiores, como un proceso necesario e clave para impulsar estes ecosistemas cara a política pública.
Empezamos a xornada recolléndoos na estación de Renfe en Ourense e aproveitamos a viaxe para situalos no país dos mil ríos, nestes días cheos de auga, e guiar a súa mirada ó noso territorio e á nosa xente do medio rural. Xa en Lodoselo puideron ver a actividade dunha xornada no Centro de día, os servizos de proximidade así como escoitar os testemuños de Xiana, Susana, Ambrosio… as achegas de Mª Jesús, Guadalupe, Helena, Carmen… E percorremos o espazo sensorial guiados por Pili e Eloi. Tamén A túa outra casa -a vivenda comunitaria tutelada-, a casa reitoral, a contorna… Para acabar comendo e recollendo unhas primeiras impresións á espera doutras propostas de mellora que nos fagan chegar.  
Agradecemos a visita. Agradecemos a súa actitude, a súa atención plena, a sintonía da súa presenza que sentimos afectuosa. Sabernos recoñecidos, ser vistos, rescata o traballo silencioso que sostén os territorios; e analizar, revisar, corrixir, tentar ler correctamente o que imos facendo para aprender, mellóranos.  Grazas, moitas grazas.

 

Saber máis · Descubre A Limia Sarreaus 1.068 habitantes · 9 parroquias Coñecer o concello →
PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser