Máis de 70 artistas de Armenia, Senegal e México ofreceron esta tarde un espectáculo de danza e música na Praza Carlos Casares, nunha xornada que reuniu a centos de veciños.
O evento, que chegou este ano á súa 41ª edición, comezou ás 20:30 horas cun desfile polo centro da vila guiado pola Agrupación Musical da Limia. Acto seguido, a praza quedou pequena para acoller ao público que quixo ver a actuación de tres grupos internacionais:
- Ballet Jammu (Senegal).
- Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua (México).
- Sebastia Dance Ensemble (Armenia).
En total, 77 bailaríns e músicos participaron nesta cita organizada pola Deputación de Ourense, permitindo aos asistentes coñecer de preto a cultura de tres continentes distintos sen saír da comarca.