A Subdelegación do Goberno en Ourense celebrou hoxe unha xunta de seguridade para coordinar o dispositivo especial con motivo da competición ciclista O Gran Camiño 2026. A etapa raíña desta proba transcorrerá na provincia de Ourense o 17 de abril, cun percorrido entre Xinzo de Limia e Xunqueira de Espadanedo.
Na xunta, presidida polo secretario xeral da Subdelegación do Goberno en Ourense, Manuel Arias Carral, participaron o director xeral de O Gran Camiño, Ezequiel Mosquera; o xefe provincial de Tráfico, David Llorente; membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado; e representantes da Xunta, de Emerxencias e dos concellos afectados pola ruta.
O principal obxectivo da reunión foi a coordinación entre todos os corpos de seguridade, profesionais de emerxencias, autoridades e o persoal organizador para garantir a seguridade dos espectadores e participantes, asegurando o desenvolvemento normal da competición.
A cuarta etapa, denominada «Camiño de Ourense», terá unha lonxitude de 145,70 quilómetros. Comezará en Xinzo de Limia ás 11:50 horas e atravesará os municipios de Sandiás, Allariz, Barbadás, Ourense, O Pereiro de Aguiar, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Maceda e rematará en Xunqueira de Espadanedo.
Fonte: www.dendealimia.com
