O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Vilar de Barrio denunciou publicamente o estado de «abandono absoluto» do punto limpo municipal, cualificándoo como un vertedoiro incontrolado. Os socialistas atribúen esta situación á falta de xestión e actuación do goberno municipal, e reclaman unha intervención «inmediata» por parte do Concello.
Segundo explican, as imaxes tomadas na zona evidencian que a entrada ao recinto está completamente bloqueada pola acumulación de mobles, colchóns, plásticos, electrodomésticos e outros residuos. Este material atópase amontoado diante da porta de acceso, impedindo o uso normal das instalacións.
A acumulación de lixo non só bloquea o acceso, senón que tamén se estende polos marxes da estrada e invade parte da calzada, o que xera perigo para condutores e veciños.
O PSdeG-PSOE de Vilar de Barrio considera inadmisible esta situación nun servizo público básico, sinalando a falta de mantemento, vixilancia e planificación por parte do Concello.
Destacan a contradición de que os residuos se acumulen fóra do recinto, xunto a carteis que prohiben depositar lixo fóra das instalacións, o que demostra a falta de control e garantía do funcionamento do punto limpo.
O estado destas instalacións proxecta unha imaxe negativa do municipio e supón un risco ambiental, ao atoparse os residuos abandonados nun contorno natural sen control.
Ante isto, o PSdeG-PSOE esixe ao Concello de Vilar de Barrio que actúe de inmediato para retirar os residuos, recuperar o funcionamento do punto limpo e establecer un sistema de control e mantemento que evite futuras repeticións.
Fonte: www.diariodolimia.gal
