O corte da autovía A-52 pola concentración de tractores está a ter consecuencias significativas na mobilidade e seguridade viaria na comarca de Xinzo de Limia. Segundo a Dirección Xeral de Tráfico (DGT), o corte de vías interurbanas, salvo en casos de obras ou deficiencias, require autorización expresa.
Mentres a A-52 permanezca pechada, non se poden autorizar novos cortes en vías alternativas, xa que estas se utilizan para desviar o tráfico. No caso de Xinzo de Limia, a N-525 está a canalizar un aumento aproximado de 4.000 vehículos diarios, o que fai incompatible a celebración de desfiles do Entroido que requiran o corte desta estrada sen un grave risco para a seguridade viaria.
A DGT, a través da Garda Civil de Tráfico, ten competencias no casco urbano de Xinzo en certas franxas horarias, o que esixe unha planificación de efectivos e a priorización da seguridade na circulación. Por este motivo, mentres persista o corte da A-52, non se autorizarán cortes na N-525 nin noutras vías afectadas polas festas do Entroido en Xinzo, xa que non se poderían garantir as condicións mínimas de seguridade nin a xestión do elevado tráfico.
Tras a finalización da ocupación da autovía, os servizos de Estradas do Estado deberán avaliar o estado da infraestrutura antes da súa reapertura ou de autorizar calquera outra actividade.
Ademais, o reforzo da seguridade viaria derivado desta incidencia na A-52 pode afectar a outros eventos do Entroido na comarca e na provincia de Ourense. A necesidade de patrullas da Garda Civil para o control do tráfico limita a súa capacidade para atender outros eventos programados, o que podería comprometer a súa celebración.
A prioridade absoluta é garantir a seguridade das persoas, tanto nas estradas como nos eventos públicos, e a situación seguirá a ser avaliada.
Fonte: www.diariodolimia.gal
