Recuperación do Festival da Canción Humorística en Xinzo de Limia
O Concello de Xinzo de Limia aposta pola recuperación do Festival da Canción Humorística, que se celebrará o sábado de Entroido, 14 de febreiro, ás 19:00 horas na Praza Maior.
O certame repartirá 1.000 euros en premios e busca valorizar a composición orixinal, a parodia festiva e o enxeño popular como elementos centrais do Entroido.
O alcalde, Amador Díaz, subliñou a importancia histórica desta cita para a vila e a esencia da festa, afirmando que «Recuperar o Festival da Canción Humorística é devolverlle ao noso Entroido unha das súas ferramentas máis poderosas: a retranca».
O concurso valorará a estética, a posta en escena e o humor das composicións. Os premios son de 500 euros para o primeiro, 300 euros para o segundo e 200 euros para o terceiro.
A participación está aberta a colectivos de entre 5 e 15 persoas. O prazo de inscrición remata o 9 de febreiro ás 20:00 horas. As bases e o formulario de inscrición están dispoñibles na web municipal www.xinzodelimia.gal.
Fonte: www.diariodolimia.gal
