← Volver Antela FC

Entrevista a Pablo Losada, presidente do Antela F.C.

Entrevista a Pablo Losada, presidente do Antela F.C.

Fotografía de arquivo. A Limia News.

Pablo Losada, presidente do Antela F.C., líder da Primeira Futgal e camiño de recuperar a categoría perdida o ano pasado, fixo balance da primeira volta de competición.

O novo adestrador e os obxectivos

Principal novidade desta tempada: o adestrador Bruno Gómez. Como foi o proceso de fichaxe e cal é a valoración a día de hoxe?

Buscamos un adestrador mozo e cun fútbol atractivo, que contase coa xente da casa como base fundamental do primeiro equipo. Bruno Gómez aceptou o desafío, e rematamos a primeira volta con 44 puntos. Estamos encantados co seu traballo, aínda que nos gustaría mellorar e facer un xogo máis brillante cada partido.

É moi precipitado estar pensando a estas alturas na próxima tempada ou é inevitable dada a vantaxe na clasificación?

Non creo que sexa precipitado. Pode parecer que reforzar o equipo agora non é necesario, pero xorden oportunidades pensando onde queremos estar a próxima tempada.

Que vai ser o máis difícil do que queda inda por diante?

O que máis me preocupa é que empecemos a saír a xogar pensando que lle levamos 11 puntos ao segundo. Hai que mirar cara adiante. Cada partido é unha ocasión para sumar tres puntos. O adestrador asegurará que os xogadores non caian niso. Vimos de loitar pola permanencia e hoxe estamos nun escenario difícil, pero confío moito neste vestiario. Está unido.

Apoio social e o crecemento do club

Este camiño cara o retorno a Preferente estase a facer moi rápido, como responde a afección e como responde Xinzo?

A asistencia ao estadio está a aumentar. Os socios renovaron os seus carnés ao mesmo prezo que a tempada anterior. Estamos moi agradecidos e non queremos defraudar ese apoio. Temos que agradecer aos patrocinadores que, malia o descenso do primeiro equipo, mantiveron ou mesmo reforzaron o apoio. Temos máis patrocinadores que a tempada anterior. En canto ao Concello de Xinzo, que mantén o seu respaldo, pensamos que podemos ir un pouquiño máis da man. Temos toda a vontade.

Que lectura fai o club dese apoio social?

Pensamos que socias, socios e os patrocinios novos e vellos entenden que isto vai en serio. Que hai vontade de seguir medrando e estabilizar o club en cotas máis altas. Iso esixe traballo, traballo e traballo. Marcar cada vez un obxectivo maior.

A canteira e o futuro do Antela F.C.

Os resultados indican que se pode ir tamén moi en serio coa política de canteira?

Canto máis arriba estean os equipos, a esixencia será maior e mellores xogadores faremos. O traballo das Escolas Deportivas do Concello de Xinzo de Limia é fundamental e hai que agradecelo. Nós recollemos ese traballo de formación.

O filial e o xuvenil empezan o 2025 en condicións de ascender. Sería asumíbel para o club?

Traballamos para estar o máis arriba posíbel. Sería fantástico que ascenderan, pero supoñería un maior esforzo económico e máis traballo desde a directiva.

Como de forte é a aposta pola canteira se pensamos no primeiro equipo do club?

A día de hoxe cremos que non lograriamos consolidar un equipo en Preferente só coa xente de aquí, pero temos a convicción de que o equipo ten que estar composto por unha maioría de xente da Limia. Neste dous anos anteriores na Preferente aprendemos que non basta con ter un once forte, ten que haber un cadro de xogadores amplo e competitivo. Aprendemos ademais que son precisos xogadores sub’23 con dinámica de primeiro equipo que poidan disputar tamén unha Liga forte se non son convocados arriba. Bruno Gómez asumiu esa política do club, e aí están Raúl, Felipe, Pitu e outros… nese salto.

Foi esa -un cadro de xogadores escaso- unha eiva a tempada anterior?

Penso que si. E foi erro noso. Quizais non lle demos a Óscar Sabucedo un equipo o suficientemente amplo.

Como ves a batalla polo ascenso na Liga do filial?

Vai ser dura. Hai moitos equipos con aspiracións. Quero destacar o traballo do adestrador e o excelente ambiente dese vestiario. Son rapaces que se están pagando a súa ficha, e podían estar xogando en categorías superiores. Pero son do Antela e quixeron estar no Antela.

O futuro do Antela, ademais dos que xa están no primeiro equipo, pasa por estes xogadores?

Seguro. Se hai traballo, se hai progreso… seguro. A base do futuro Antela son os futbolistas da canteira.

Izan está tamén nese grupo?

Por suposto. Este ano respectamos a súa decisión de concentrarse nos xuvenís na súa última tempada na categoría. Cando remate, queremos sentarnos con el a falar de futuro.

E Juan Forri, como vedes o seu futuro?

Forri é adestrador, pai dos rapaces, directivo, delegado, preparador físico…Gustaríame que estivera sempre aquí. É novo, voará? Quen sabe… Por suposto o club non lle poría ningún atranco se algún día toma esa decisión.

O xuvenil é outro ascenso en disputa… e outro problema para o club?

Non, non… problema nunca. Canto máis arriba teñamos os equipos, mellores xogadores xurdirán. Aumentará o gasto das viaxes? Pois, si. Teremos que procurar máis apoios. É o labor da directiva.

Por aí asoman xogadores moi interesantes: Penabad, Iago, Calleja…?

Parece que si. Eses e outros. Esperemos que sigan crecendo.

As instalacións e a situación financeira do club

Como está A Moreira e como están as instalacións da Moreira?

O ano pasado, A Moreira saíu como o terceiro mellor campo de Preferente. Falamos do terreo de xogo, que leva corenta anos sen tocar. Precisaría algunha intervención, volver plantar, unha drenaxe… Levaría un mes.

Estase a negociar?

A día de hoxe inda non, acaba de empezar o ano. Pero sería bo telo resolto en canto remate a tempada.

E as instalacións?

Todo é mellorábel. Temos moito espazo e pódese aproveitar un pouco máis. Quizais o máis necesario sería acondicionar a entrada ao estadio, os espazos do vestiario e oficinas e as partes en desuso no interior da parcela.

A saúde deportiva do Antela está forte, como está a financeira?

Estamos traballando en fortalecernos economicamente, en medrar para acompañar o crecemento deportivo. Hai un déficit de 7.000 euros que estamos traballando para corrixir.

Hai plans cara a conversión do club en S.A.D.?

Non de momento. Somos conscientes de que todo empuxa cara aí, mais non estamos pensando niso.

Fonte: antela.fala.gal

Ver noticia completa
ACTUALIDADE Antela FC fútbol novas Pablo Losada
Tamén che pode interesar
O Antela remonta no último suspiro contra o Gran Peña na Copa Federación
Antela FC O Antela remonta no último suspiro contra o Gran Peña na Copa Federación
O Antela estreouse con éxito na Copa Federación cunha emocionante vitoria por 2-1 ante o Gran Peña na Moreira, nun partido decidido no tempo de desconto. O conxunto limiano, que esta tempada debuta na Terceira Federación, amosou un bo nivel de xogo a pesar do contratempo inicial da lesión de Xabi Lamas aos dous minutos de xogo. Tras encaixar un gol de córner no comezo da segunda metade, os locais mantiveron a fe ata o final. Estes foron os momentos clave do encontro: Minuto 90: Carlos empatou…
3 de agosto de 2026 1 min lectura
O Antela gaña ao Ourense C.F. nun amigable de pretempada
Antela FC O Antela gaña ao Ourense C.F. nun amigable de pretempada
O Antela FC venceu onte ao Ourense C.F. nun disputado encontro na Moreira, demostrando un gran nivel a menos dun mes para o inicio da liga en Terceira Federación. O partido decidiuse nos instantes finais grazas a un gol de Pucho, quen aproveitou unha incursión pola banda dereita para anotar cun disparo coa esquerda. A pesar da superioridade técnica dos visitantes, que militan nunha categoría superior (Segunda RFEF), o cadro limiano mantivo o tipo grazas ao traballo colectivo e a unha sólida def…
9 de agosto de 2026 1 min lectura
Termalismo con Estrelas: novos turnos dispoñibles
Concello de Vilar de Santos Termalismo con Estrelas: novos turnos dispoñibles
Xa se poden solicitar prazas para os novos turnos do programa Termalismo con Estrelas, unha proposta que combina unha estancia termal no Balneario de Laias coa experiencia gastronómica de desfrutar de menús nos tres restaurantes con Estrela Michelin da provincia de Ourense. O programa inclúe: Os novos turnos comezarán o 31 de agosto, o 12 […]
11 de agosto de 2026 1 min lectura
PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser