Un grupo de profesionais do sector agrario de A Limia reuniuse en Piñeira Seca (Xinzo de Limia) para valorar os resultados dos ensaios que realiza o Centro de Investigacións Agrarias de Magebondo (CIAM) sobre novas variedades de cereal. Este estudo está vinculado á rede Grupo para a Avaliación de Novas Variedades de Cultivos Extensivos en España (Genvce).
A demostración contou coa participación de Luis Urquijo, investigador responsable do ensayo, quen presentou cinco variedades de trigo de inverno (tres novas e dúas que se repiten do ano anterior) e diversas variedades de centeo híbrido. Ademais dos ensaios de Genvce, o CIAM desenvolve estudos para introducir xenes de enanismo en trigos autóctonos de Galicia, co obxectivo de reducir o seu tamaño e aumentar a súa competitividade fronte aos cereais comerciais sen perder as súas propiedades.
En canto ao desenvolvemento dos cultivos, os investigadores informaron que, aínda que o exceso de humidade nos meses de xaneiro e febreiro ralentizou o crecemento —especialmente no caso do centeo—, a aplicación de nitróxeno en abril permitiu unha recuperación positiva. Destaca a notable capacidade de crecemento do centeo, o que supón unha boa opción para terrenos con pouca fertilidade.
A avaliación por parte dos agricultores baseouse en criterios como a resistencia a enfermidades, a altura, a densidade das espigas e o aspecto visual das plantas. Aínda que os resultados definitivos de produción non se coñecerán ata finais de xullo, xa se traballa en estimar a futura rentabilidade e o uso final destes cereais, xa sexa para a produción de pan ou como forraxe para o gando.