
Xinzo de Limia destaca como protagonista na presentación da V edición de O Gran Camiño
- Fonte
- Dende A Limia
- Concello
- Xinzo de Limia
- Publicada
- 8 feb.
Xinzo de Limia será o punto de partida da quinta edición de O Gran Camiño, unha proba ciclista de relevancia internacional. A presentación oficial tivo lugar en Padrón, onde se confirmou que a vila limiá albergará a que se prevé como a “etapa raíña” desta competición.
O alcalde de Xinzo, Amador Díaz Penín, acompañado polos concelleiros de Cultura e Turismo, Carlos Gómez Salgado, e de Deportes, Cristina Campero, acudiron ao evento para manifestar o compromiso do goberno local coa promoción territorial a través de grandes citas deportivas.
Tamén estiveron presentes o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo; o secretario xeral para o Deporte, Roberto García; e o vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, quen destacaron a consolidación da carreira ao percorrer as catro provincias galegas.
A etapa raíña, que se celebrará o 17 de abril, enlazará Xinzo de Limia con Xunqueira de Espadanedo. Trátase dun percorrido de 155,5 quilómetros con 3.103 metros de desnivel acumulado. O trazado incluirá o paso por Allariz, Celanova, Ourense e Maceda, culminando cun esixente final con ascensos ao Alto do Rodicio e un dobre paso polo Alto de Meda, onde estará situada a meta. A saída desde Xinzo preséntase como un momento clave para a clasificación xeral da proba.
Saber máis · Descubre A Limia
Xinzo de Limia
9.699 habitantes · 20 parroquias
Coñecer o concello →


