O CDR O Viso finalizou a súa tempada de primavera no proxecto Pobo Escola, a través do cal centos de escolares da provincia de Ourense participaron en actividades de aprendizaxe no medio rural da aldea de Lodoselo.
Esta edición destacou polo éxito do Banco de Sementes nas Casas da Memoria. A implicación dos colexios permitiu crear unha rede de intercambio que fomenta a biodiversidade e a soberanía alimentaria, garantindo que o coñecemento agrícola se transmita ás novas xeracións.
Como novidade, este ano implantouse unha ferramenta de rexistro e medición para avaliar o nivel de sensibilización ambiental e social dos centros participantes. O obxectivo desta iniciativa é servir de reforzo positivo para fomentar valores esenciais:
- O coidado e respecto polos espazos comunitarios.
- A responsabilidade no trato con animais e plantas.
- O mantemento da limpeza e a orde no entorno.
O desenvolvemento das actividades contou coa participación fundamental do voluntariado xuvenil, cuxo labor foi estrutural para o éxito do programa. Este equipo de persoas voluntarias manterá a súa colaboración co CDR O Viso durante o vindeiro Concilia de Verán, que dará continuidade á actividade educativa en Lodoselo.
Desde o CDR O Viso agradeceron o compromiso de docentes, familias, alumnado e entidades que forman parte desta proposta. Esta actividade enmárcase no programa O noso espazo, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a través da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF e do Servizo de Voluntariado Xuvenil.