← Volver Dende A Limia

​BNG pide investigar a actuación das compañías após o apagamento dixital en Xinzo e Verín e exixe indemnizacións

​BNG pide investigar a actuación das compañías após o apagamento dixital en Xinzo e Verín e exixe indemnizacións

Fotografía de arquivo. A Limia News.

A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, vén de rexistrar iniciativas para pedir ao Goberno do Estado que investigue o comportamento das liñas de telefonía após o apagamento dixital que deixou sen conexión durante case 24 horas a milleiros de persoas de Xinzo de Limia e Verín entre os días 7 e 8 de maio, e para reclamar que as compañías de telecomunicacións indemnicen automaticamente ás persoas afectadas, tal e como estabelece a lexislación vixente.A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, denuncia que “o sucedido puxo de manifesto a enorme vulnerabilidade das comunicacións en comarcas enteiras e a absoluta falta de resposta e transparencia das operadoras afectadas”. A nacionalista advirte ademais que “non estamos diante dunha simple incidencia técnica, senón dun colapso das telecomunicacións que afectou a servizos básicos, á actividade económica e á vida diaria da veciñanza”.O corte masivo deixou sen internet e sen acceso a servizos esenciais a persoas usuarias de compañías como Vodafone, Lowi, Orange ou R, entre outras operadoras que comparten infraestrutura na zona. As primeiras informacións apuntan a que a avaría podería terse producido por un corte accidental da rede durante unhas obras viarias en Xinzo de Limia, aínda que outras versións sinalan tamén os efectos da tormenta rexistrada ese día sobre os cables subterráneos da rede de transporte.O BNG subliña que as consecuencias foron “gravísimas” e afectaron directamente ao funcionamento de servizos sanitarios e administrativos. Ambulancias sen capacidade para recibir alertas, farmacias con dificultades para acceder ás bases de datos de para dar medicamentos, persoas que estaban a teletraballar mais que estaban sen conexión, negocios paralizados e mesmo a suspensión da atención administrativa no propio Concello foron algunhas das incidencias rexistradas.Neste sentido, Carme da Silva critica que “despois dun apagamento dixital destas dimensións, hai compañías que se negan a aplicar automaticamente as indemnizacións ás que teñen dereito os seus clientes e clientas”. A senadora lembra que o Real Decreto 899/2009, que regula a carta de dereitos das persoas usuarias dos servizos de comunicacións electrónicas, establece claramente que as operadoras deben compensar automaticamente ás persoas abonadas cando a interrupción do servizo supera as seis horas entre as 8:00 e as 22:00 horas.“O incumprimento desta obriga sería absolutamente intolerable e suporía unha vulneración flagrante dos dereitos das persoas consumidoras” alerta a senadora do BNG, quen reclama ao Ministerio de Transformación Dixital “que actúe de oficio, abra unha investigación inmediata e inspeccione o comportamento das operadoras”.O Bloque demanda tamén que a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia investigue os feitos e determine posíbeis sancións no caso de confirmarse incumprimentos da normativa vixente por parte das compañías de telecomunicacións.“O rural non pode seguir sufrindo servizos de segunda nin quedar abandonado cada vez que se produce unha incidencia destas características” conclúe Carme da Silva Méndez, reclamando garantías para que situacións semellantes non volvan repetirse e para que a veciñanza afectada reciba as compensacións económicas que lle corresponden por lei.

Fonte: dendealimia.com

Ver noticia completa
Dende a Limia prensa local
Tamén che pode interesar
María Carmen Gómez García gana o III Certame Literario Antón Tovar
Dende A Limia María Carmen Gómez García gana o III Certame Literario Antón Tovar
O Padroado do Museo da Limia comunicou o resultado do III Certame Literario Antón Tovar, no que o xurado decidiu, por unanimidade, premiar o poema “Raiz de pereira” de María Carmen Gómez García. A autora, profesora xubilada de Lingua Galega e Literatura con longa traxectoria na comarca, recibirá un premio de 600 euros e a publicación da súa obra na revista Tempos Novos. A entrega do galardón terá lugar o sábado 20 de xuño ás 19:30 horas no Museo da Limia. O acto contará cun programa que inclúe …
15 de junio de 2026 1 min lectura
O Antela F.C. manteve o invicto na Moreira ante unha gran asistencia
Dende A Limia O Antela F.C. manteve o invicto na Moreira ante unha gran asistencia
O Antela F.C. logrou manter a súa condición de invicto como local na Moreira pola segunda temporada consecutiva. O último partido contou cunha asistencia de máis de 1000 espectadores, incluíndo autoridades locais e membros da oposición que mostraron o seu apoio ao equipo branquinegro. A pesar de ser un encontro moi igualado, o Antela mostrou maior superioridade nas aproximacións á porta contraria. O próximo sábado, o equipo xogará un partido decisivo para determinar o seu ascenso á Terceira…
15 de junio de 2026 1 min lectura
O A.B.Xinzo quedou a tan só unha vitoria de poder loitar polo soño da Final Four
Dende A Limia O A.B.Xinzo quedou a tan só unha vitoria de poder loitar polo soño da Final Four
VeteransOs veterans masculinos, xogaron onte a tarde en Baños de Molgas, perderon por tan só 7 puntos. SeniorOs Senior enfrontáronse ao Estudiantes, nun partido no que se xogaban moito pero que non dependía deles. Necesitaban unha última vitoria e que os demais equipos non tiveran resultados favorables, pero non puido ser.Os nervios e o arbitraxe xogaronlle unha mala pasada o A.B.Xinzo, facendo que no último cuarto non puideran remontar o marcador, perdendo por tan só 13 puntos. Pero aínda así c…
17 de mayo de 2026 2 min lectura