
Arquivada a causa contra o alcalde de Trasmiras
- Fonte
- Dende A Limia
- Concello
- Trasmiras
- Publicada
- 21 xan. 2025
A Fiscalía Provincial de Ourense arquivou as dilixencias de investigación contra o alcalde de Trasmiras, Emilio Xosé Pazos Ojea, por un presunto delito de prevaricación urbanística.
A Fiscalía argumenta que os feitos denunciados non son penalmente típicos e que non se corroborou a infracción penal, xa que a legalización da construción e o pagamento dos servizos cumpriron o procedemento administrativo sen reparos nin recursos.
En declaracións a este medio, o alcalde, Emilio Pazos, afirmou: “Dende o principio nunca dubidei da capacidade e do bo facer dos técnicos do concello. Eu só firmo unha licencia se a arquitecta, técnica do concello, me di que se pode outorgar. En canto ao pagamento, firmo unha factura porque hai un expediente, revisado pola interventora, que autoriza o pago. Nunca tiven ningunha dúbida nin preocupación ao respecto.”
A denuncia orixinouse a partir de preguntas da oposición, o BNG, nun pleno. O denunciante, tras recibir as preguntas, presentou unha denuncia por prevaricación e malversación de fondos. O alcalde decidiu entregar á fiscalía os expedientes que xustifican as decisións, respaldadas pola secretaria-interventora e a arquitecta municipal.
No pasado mes de maio, o denunciante presentou unha denuncia ante a fiscalía alegando que a licencia outorgada para unha construción en Escornabois non se axustaba á normativa vixente.
O alcalde explicou: “¿Cal é a realidade dos pobos? A maioría, o 99%, das casas están feitas sen licencia nin proxecto. Fóronse facendo como a xente podía, sobre todo no boom dos retornados de Alemaña, Suíza e Francia. A eses veciños fóiselle arranxando cun certificado de antigüidade, pero iso é a Lei, non é o alcalde de Trasmiras. Dende hai 4 anos existe un plan urbanístico, antes non o había, polo que se podería dicir que todas as casas eran ilegais. Por iso levamos 10 anos loitando coa Xunta para que aprobase o plan xeral. Agora si se pode construír unha residencia ou un cemiterio porque hai un ordenamento urbanístico que permite dar esas licenzas.”
Ademais, o denunciante acusaba ao rexedor de autorizar o pago de dous servizos –a instalación dunha carpa e o alumeado de Samaín– que non se utilizaran. A investigación da Policía Xudicial e a documentación acreditan que o Concello de Trasmiras cumpriu co procedemento tanto na legalización da construción coma nos servizos prestados.
Saber máis · Descubre A Limia
Trasmiras
1.216 habitantes · 9 parroquias
Coñecer o concello →


