
A Deputación de Ourense entrega 7.000 quilos de patacas ao Banco de Alimentos procedentes dos ensaios agrarios do Inorde
- Fonte
- Dende A Limia
- Publicada
- 23 nov.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, acompañado polo presidente do Inorde e deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, fixo entrega hoxe ao Banco de Alimentos de preto de 7.000 quilos de patacas procedentes da finca de ensaios que xestiona o Inorde na comarca de Antela. Esta iniciativa enmárcase na dobre vertente social e de innovación agraria do goberno provincial, permitindo reverter nos sectores máis vulnerables o froito das investigacións desenvolvidas no campo ourensán. Tal e como anunciou o presidente provincial, a doazón de hoxe será complementada nos vindeiros meses con novas achegas deste produto esencial na cesta da compra e na alimentación dos fogares ourensáns. O obxectivo da institución provincial é achegar, en total, preto das 15 toneladas de patacas tanto ao Banco de Alimentos como a outras entidades e institucións sociais que traballan na provincia.Innovación agraria e economía circular contra o despoboamentoAs patacas doadas son o resultado directo dos diversos ensaios agrícolas realizados polo Inorde durante a pasada campaña na finca de Antela. Estes traballos teñen como finalidade optimizar os sistemas de produción agraria mediante o estudo de factores clave como a fertilización, o control de pragas e enfermidades, o emprego de produtos biofuncionais e a introdución de novos cultivos, entre outras liñas de investigación.Con estas actuacións, a Deputación de Ourense aposta por un modelo de desenvolvemento integrado no medio rural no que o respecto polo entorno natural, o fomento da biodiversidade e a economía circular se consolidan como a estratexia fundamental para fixar poboación e facer fronte ao reto demográfico.Inclusión social e formación no sector primarioCabe destacar que na produción das patacas participou o alumnado das accións formativas sobre actividades básicas de agricultura, froito do convenio de colaboración que o Inorde e Cáritas Ourense manteñen vixente desde hai máis de trece anos.Este programa está dirixido especificamente a colectivos en risco de exclusión social co obxectivo de dotalos de ferramentas técnicas e sociais que faciliten a súa plena incorporación á sociedade e ao mercado de traballo. Unha iniciativa que tamén contribúe a paliar unha das principais eivas do traballo agrícola na provincia, como é a falta de man de obra, ao tempo que se tece unha rede económico-social de apoio ás persoas máis desfavorecidas.

