Domingo, 8 de novembro Xinzo 11° Garda: FARMACIA OLIVERA CORTIÑAS, C. B.
Diario do Limia

Marta Lois será a candidata de Sumar Galicia á presidencia da Xunta

3 min de lectura

Fonte
Diario do Limia
Publicada
28 dec. 2023
Ver a noticia orixinal

A portavoz de Sumar no Congreso dos Deputados, Marta Lois, acaba de ser ratificada como candidata de Sumar Galicia á presidencia da Xunta nas vindeiras eleccións autonómicas que se celebrarán en febreiro. Lois foi presentada oficialmente nun acto no que estivo arroupada pola súa amiga e líder de Sumar, Yolanda Díaz; asume o reto “con humildade, responsabilidade e ilusión”.

Votar a Sumar Galicia vale dobre. Garante o cambio na Xunta, pero tamén un goberno progresista que garanta a mellor relación co goberno do Estado

Na súa intervención, Lois fixo referencia ás políticas útiles como marca da casa Sumar e avanzou que xa é hora de que esas políticas cheguen ao goberno galego. A deputada de Sumar Galicia pola provincia da Coruña, e agora candidata, afirmaba: “Acabouse o dedicar máis tempo a criticar ao goberno progresista que a facer políticas útiles para as galegas e os galegos”.

Imos impulsar o bloque progresista ata sacar as políticas do PP da Xunta, para democratizar Galicia e para garantir os dereitos da nosa xente

“Fixémolo en xullo, farémolo de novo agora no noso país”, salientou Lois, quen interpelou directamente ás galegas e galegos que votaron Sumar Galicia o 23 de xullo, sinalando que: “Votar a Sumar Galicia vale dobre. Garante o cambio na Xunta, pero tamén un goberno progresista serio, con experiencia de goberno en todos os niveis da administración e que garanta a mellor relación co goberno do Estado”.

Acordo con Podemos e Esquerda Unida
O portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, anunciou na súa intervención un preacordo con Podemos e Esquerda Unida para concorrer xuntas ás eleccións galegas baixo o denominación Sumar Galicia e con Lois como candidata á presidencia.

O portavoz de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, con Yolanda Díaz e Marta Lois no Carballiño

A portavoz e candidata á Xunta anunciou tamén que o vindeiro 12 de xaneiro terá lugar un gran acto de Sumar Galicia na cidade de Vigo. Lois afirmou que durante as próximas semanas o seu obxectivo será percorrer o país para “atoparnos con ese pobo galego que impulsa o cambio”. “Imos impulsar o bloque progresista ata sacar as políticas do PP da Xunta, para democratizar Galicia e para garantir os dereitos da nosa xente”, engadiu.
Quen é Marta Lois?
Marta Lois González (Vigo, 1969) é politóloga, Doutora en Ciencia Política e da Administración e profesora na USC. Membro da comisión promotora de Sumar Galicia, foi concelleira de Igualdade, Desenvolvemento e Turismo no Concello de Santiago entre 2015 e 2019 no goberno de Compostela Aberta. Deputada de Sumar Galicia pola Coruña, Lois preside Sumar desde a súa fundación e ocupa a portavocía do Grupo Plurinacional Sumar no Congreso dos Deputados.
Foi visiting fellow nas Universidades de Essex, Georgetown e Chicago. Participou como investigadora principal proxectos de investigación financiados polo Plan Nacional de I+D e o Instituto da Muller e na actualidade centra as súas liñas de investigación en estudos de xénero, teoría política contemporánea, identidades e políticas públicas de igualdade. Conta con varias publicacións sobre estes temas. Impartiu docencia en diferentes materias como administración pública, teoría política, política comparada e partidos políticos.

PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser