Martes, 10 de novembro Xinzo 11° Garda: FARMACIA OLIVERA CORTIÑAS, C. B.
Diario do Limia

Interior Galego Vivo buscará acordos electorais para contribuír ó cambio político en Galiza dende o rural

3 min de lectura

Fonte
Diario do Limia
Publicada
30 nov. 2023
Ver a noticia orixinal

Interior Galego Vivo celebraba a súa VI Asemblea no Casino de Chantada o pasado 18 de novembro. Un encontro no que, por unanimidade, se refrendaba a proposta de artellar un acordo amplo coas forzas progresistas sobre un programa común de defensa do rural e dos servizos públicos en Galicia cara ás vindeiras eleccións autonómicas e europeas.

Un dos obxectivos principais diste acordo é “garantir que ningún voto se perda en Lugo ou Ourense para acadar o necesario cambio político en Galicia”, manifestan dende a plataforma. Baixo ista premisa, Interior Galego Vivo vén de dirixirse a BNG, PSdeG-PSOE e Sumar Galicia para propor un encontro que analice o escenario das eleccións galegas e que poña na mesa propostas programáticas urxentes para o rural galego.

Esixe audacia e diálogo permanente con outras opcións, que permita artellar acordos amplos para avanzar en dereitos e mellorar a calidade de vida das nosas poboacións

Representantes de todas as asembleas locais de IGV, colectivos e persoas de candidaturas municipalistas participaron nunha asemblea que confirmaba a necesidade de contribuír ó cambio político en Galicia “para rematar cun Goberno do PP na Xunta que pon os intereses de grandes fortunas e grandes empresas por riba da cidadanía e que condena ao interior galego á inanición ao tempo que destrúe a sanidade e os servizos públicos”.

Eleccións galegas e europeas no 2024
O vindeiro ano celebraranse eleccións en Galicia e na Unión Europea, dúas citas decisivas para o territorio. No contexto galego, dende IGV afirman que: “Só desde a unidade de acción e formulando unha fronte cívica con tradución no plano eleitoral nas provincias de Lugo e Ourense se pode rachar coa hexemonía e a rede clientelar do PP”. 

Representantes de Interior Galego Vivo e entidades municipalistas participaron na asemblea.

Respecto ás eleccións europeas planea a sombra da aplicación da Política Agraria Común en Galicia. “É urxente actuar no nivel da UE”, centro real de decisións políticas e económicas, para facer fronte a unha xestión que está “ao servizo das grandes finanzas centroeuropeas, que compromete o despregue de calquera alternativa, que aumenta a desigualdade e que se afasta dun horizonte real de converxencia continuando cunha PAC que nos maltrata”, subliñan dende IGV.
A necesidade de buscar acordos entre distintas formacións políticas vén dada polo axustado dos resultados electorais, que penalizan a fragmentación. Moito máis para as comarcas galegas do interior, motivo polo que dende Interior Galego Vivo traballan para crear redes de colaboración: “Esixe audacia e diálogo permanente con outras opcións, que permita artellar acordos amplos para avanzar en dereitos e mellorar a calidade de vida das nosas poboacións”.
“Non é tempo de enrocamentos identitarios, senón de solucións valentes: cada forza política que quere o cambio galego ten que facer o máximo esforzo por ampliar o seu electorado, derrubando o muro da alta abstención e aglutinando o máximo posíbel o seu espazo”, subliñan dende a formación.

PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser