Domingo, 8 de novembro Xinzo 11° Garda: FARMACIA OLIVERA CORTIÑAS, C. B.
La Voz de Galicia

«Traballei moito e inda que tamén chorei, sempre tiven un sorriso»

4 min de lectura

Fonte
La Voz de Galicia
Concello
Sandiás
Publicada
25 nov. 2023
Ver a noticia orixinal

Amalia Gómez, fundadora del restaurante Novaíño Santi M. Amil

Amalia Gómez Manso, fundadora do restaurante Novaíño de Sandiás, recibe este sábado o premio Pedra Alta
25 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Amalia é unha persoa que soubo encarnar o espírito combativo, de loita, traballo e esforzo para sacar adiante a unha familia e ó mesmo tempo a unha comarca. É un símbolo, un modelo de conduta, traballo e esforzo para todo un territorio no que a muller tivo un protagonismo especial, quizais máis destacado que noutras zonas, ó ser un territorio tan castigado pola emigración, sobre todo nos anos 60 e 70». Esas foron as palabras que Delfín Caseiro, do padroado do Museo da Limia, esgrimiu para xustificar o premio Pedra Alta que se entrega este sábado

Amalia Gómez Manso, fundadora do restaurante Novaíño, ten 96 anos e inda que xa esta retirada segue acudindo cada día ó restaurante que fundou hai sete décadas en Sandiás e que hoxe rexentan os seus netos. Non é dada a recoñecementos, pero estará presente no acto de hoxe que, ademais de supor unha homenaxe a todas as mulleres do rural da súa idade e época, tamén é unha mostra de agarimo a toda unha familia limiá.
Amalia recorda perfectamente cando abriu a súa primeira tenda de alimentos nos baixos da súa casa en Piñeira. A morte do seu pai cando ela era unha rapaza obrigouna a comezar a traballar cedo e axudar a toda a familia. «Fixen como puiden», afirma. Relata que naqueles anos aínda non chegara a luz á parroquia e víase obrigada a andar cun candil. «Vendía de todo: aceite, viño, azucre, gas… Foime ben porque era moi traballadora», lembra. Grazas a iso puido abrir máis tarde un bar ó lado mesmo da casa e hai 44 anos fundar o restaurante Novaíño, un referente na comarca de A Limia, que hoxe levan José Antonio Novás e Ana Gómez Novás. Un dos segredos do seu éxito e da súa lonxevidade está no sentido que ten da familia. «Sempre estamos xuntos, sempre tiven a xente ó meu lado. Aquí non nos aburrimos. Todos me queren moito e eu a eles», di orgullosa.

Sen embargo, foi unha vida de moito sacrificio que, afirma, nunca deixou que se trasladara ós seus clientes: «Traballei moito e inda que tamén chorei, sempre tiven un sorriso». Segue acudindo cada día ó restaurante. Alí charla coa xente e síntese como na súa casa. No en vano pasou boa parte da súa vida. De ultramarinos a bar e a casa de comidas, Novaíño é hoxe un restaurante para eventos que non perdeu ó longo da súa historia o sabor e o mimo dos negocios familiares. Todo grazas a súa personalidade.
No mesmo acto do premio Pedra Alta a Amalia, procederase á entrega dos carnés de amigos do museo ás persoas que, dun xeito altruísta, colaboran co padroado. Este ano serán para os músicos Luis Humberto Cao e Baldomero Pavón, o artesán Dino Coello e o encargado da laudatio, Sergio Pazos.

O premio consiste nun diploma de recoñecemento e nunha réplica do menhir atopado na Lagoa da Antela, coñecido como Pedra Alta, unha aportación altruísta do escultor limiao Xosé Lois Carreira. O acto de entrega das distincións, aberto a cantos queiran asistir, será na sede do museo e no salón multiusos de Vilar de Santos. A celebración concluirá cun cocido de fraternidade limiá no restaurante Novaíño, de Sandiás, que colabora como patrocinador dos premios.
Amalia non cociñará hoxe, hai tempo que non o fai, pero seguramente estará máis pendente dos comensais que de gozar do propio premio. «Ó principio non sabía se recollelo, pero fágoo pola familia e por todas as mulleres», afirma.

 

Archivado en: Sandiás Xinzo de Limia

Saber máis · Descubre A Limia Sandiás 1.086 habitantes · 3 parroquias Coñecer o concello →
PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser