← Volver La Voz de Galicia

Xogo de espellos, libro «chuletón»… Antón Riveiro Coello esgota os cualificativos

Xogo de espellos, libro «chuletón»… Antón Riveiro Coello esgota os cualificativos

Fotografía de arquivo. A Limia News.

Sensacional presentación de «Hotel carioca», quizais a mellor obra do fillo que Barbanza desexa facer adoptivo
30 sep 2023 . Actualizado a las 13:16 h.

As presentacións de libros de Antón Riveiro Coello nunca defraudan. Ao longo dos vinte anos que leva vivindo en Boiro, ninguén lembra unha posta de longo de nova obra sen emocións e gañas de ter a nova creación. Claro que, sendo así, un non pode andar con presa se pretende que o autor lle asine un volume que librerías como Espazo Lector Nobel de Boiro ofrecen a pé de acto, porque a longa fila de interesados obriga a ter paciencia, como ocorreu no pazo de Goiáns, lno acto de volta á actividade de Barbantia, co limiá e Hotel Carioca como estrelas dunha presentación sensacional.

Nas intervencións de María Xesús Blanco, presidenta de Barbantia; Manuel Cartea, antecesor no cargo; e Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia, os cualificativos sobre o libro e o autor esgotáronse. Lóxico porque o numeroso público que se deu cita no emblemático inmoble era consciente de que enfronte estaba o mellor escritor galego actual e pode que a súa mellor obra, como fixo constar Calveiro, quen confesou que nin por asomo podía pensar hai 16 meses, cando estaba traballando no seu bar, que compartiría mesa con Riveiro Coello e un libro co que gañou o premio Álvaro Cunqueiro de novela do 2022, de cuxo xurado formou parte, pero nin el ni os demais integrantes do mesmo puideron sospeitar que o autor fose o limiao-barbancés.
Empezou falando María Xesús Blanco, agradecendo ao Concello de Boiro por acoller o acto e lembrando a saída do suplemento A Voz de Barbantia, que onte chegou ao número 187. Despois de facer un percorrido polos perfís dos tres membros da mesa que a acompañaban, dirixiuse a Antón Riveiro para darlle as grazas «por escribir así».

Custa entrar
Marcos Calveiro falou na novela, advertindo que custa entrar nela, pero unha vez dentro, engancha. Asegurou que Hotel Carioca son «varias novelas dentro de moitas noveliñas, unhas dentro das outras», un «xogo de espellos» no que unha nena de 13 anos empeza a escribir unhas cartas coas que constrúe un mundo. Lembrou que Cortázar dicía que había libros «chuletón» e libros «papilla»; estes últimos son aqueles que se len por encima, que se poden deixar e volver con eles, e non significan nada; mentres que os libros «chuletón» son os que se entra con coitelo e garfo «e xa non saen da túa vida», e a nova obra de Riveiro Coello «é desas das que non saes».
Manuel Cartea, que fixo as correccións do galego, centrouse en aspectos técnicos, non sen antes propoñer que Barbanza dea os pasos para facer de Antón Riveiro fillo adoptivo, polo que ten aportado á cultura na comarca e á literatura galega. Foi moi expresivo ao sinalar que cando estaba facendo a corrección, a novela enganchábao de tal forma que entraba no contido e esquecía a revisión, o que lle obrigaba a reler parágrafos hasta tres ou catro veces. Confesou que ao rematar o libro caéronlle as bagoas. Dixo que o libro ten unha estrutura complexa, porque ten unha primeira parte que enlaza cunha terceira final, con outra de por medio. A primeira, en primeira persoa; e a terceira, en terceira persoa: «É un xogo de espellos e de espazo temporal». Asegurou que nunha novela o autor non pode entrar no libro, nin as personaxes saír del «pero Antón si pode, fai un xogo de personaxes».

Antón Riveiro asegurou sentirse sorprendido por ter tanta xente na presentación e destacou a acollida que sempre tivo nos vinte anos que leva residindo en Boiro. Falou da súa obra, que escribiu durante o confinamento e á que lle dedicou moito traballo e moito tempo. Recoñeceu que a protagonista, Elena, ten moito de el mesmo, xa que lembrou que no seu Xinzo natal lle lía a súa avoa as cartas que seu tío emigrado no Brasil lle enviaba. Confirmou que os espazos e moitas das personaxes son do seu pobo e incluso familiares, pero que os disimulou ata o extremo co fin de que ninguén se decatase de que el era o autor. Admitiu tamén que a orixe do libro foi unha historia persoal, cando tiña 16 anos e faleceu en accidente o tío que tiña no Brasil, o que convulsionou á súa familia.
Pechou o acto a concelleira de Cultura, María Outeiral, ofrecendo o pazo de Goiáns e as instalacións municipais para os actos de Barbantia.

Archivado en: Barbantia Boiro Comarca do Barbanza Xinzo de Limia Brasil

Fonte: lavozdegalicia.es

Ver noticia completa
Barbantia Barbanza Boiro Brasil Comarca do Barbanza La Voz de Galicia Literatura galega prensa Xinzo de Limia
Tamén che pode interesar
Xinzo de Limia prepárase para a Festa do Esquecemento cun campamento galaico-romano
La Voz de Galicia Xinzo de Limia prepárase para a Festa do Esquecemento cun campamento galaico-romano
A vila de Xinzo de Limia xa monta o campamento galaico-romano que será o centro da Festa do Esquecemento. A celebración terá lugar do 21 ao 24 de agosto. O programa inclúe 50 actividades gratuítas para todos os públicos, nas que participarán: 54 grupos de recreación histórica. 13 tropas chegadas doutros países. 12 grupos de música. A organización agarda a chegada de miles de visitantes para gozar dun dos eventos máis importantes do verán na zona.
18 de agosto de 2026 1 min lectura
Xinzo de Limia revive a lenda do río Lethes na 26ª Festa do Esquecemento
La Voz de Galicia Xinzo de Limia revive a lenda do río Lethes na 26ª Festa do Esquecemento
Centos de persoas asistiron este 23 de agosto á recreación da batalla entre romanos e límicos e ao cruce do río Limia, o escenario central da Festa do Esquecemento de Xinzo. O evento, organizado pola Asociación Cultural Civitas Limicorum, recreou o ano 137 a. C. A representación dividiuse en dous momentos clave: O cruce do Lethes: O xeneral Décimo Junio Bruto logrou que os seus soldados cruzaran o río Limia, ao que os romanos temían por consideralo o "río do esquecemento", para seguir coa conq…
23 de agosto de 2026 2 min lectura
A feira Prolimia de Xinzo ofrece descontos en 24 comercios locais ata este domingo
La Voz de Galicia A feira Prolimia de Xinzo ofrece descontos en 24 comercios locais ata este domingo
O pavillón municipal de Xinzo de Limia acolle a sétima edición da feira Prolimia, onde 24 negocios locais ofrecen produtos con descontos exclusivos durante toda a fin de semana. A feira conta este ano con catro novos expositores e inclúe artigos de moda, calzado, artesanía, alimentación, cosmética e fogar. O obxectivo é potenciar o comercio de proximidade fronte á competencia das grandes cadeas e as compras por Internet. Información práctica: Horario: Aberto ininterrompidamente, agás de 15:00…
29 de agosto de 2026 1 min lectura
PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser