Domingo, 8 de novembro Xinzo 11° Garda: FARMACIA OLIVERA CORTIÑAS, C. B.
Dende A Limia

Aprobados os nomeamentos de Xuíces e Xuízas Honorarios do Couto Mixto 2026

2 min de lectura

Fonte
Dende A Limia
Publicada
1 abr.
Ver a noticia orixinal

A Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto celebrou unha Asemblea Xeral Extraordinaria o pasado 28 de marzo de 2026 no Liceo de Ourense. Durante a xuntanza, foron aprobadas as propostas de nomeamento das persoas e entidades distinguidas este ano cos títulos honoríficos de Xuices e Xuizas Honorarios do Couto Mixto.

Distincións outorgadas:

  • ASOCIACIÓN DE MULLERES RURAIS A RAIA, DE BALTAR: Recibe o título de Xuíza Honoraria do Couto Mixto en recoñecemento ao seu compromiso coa dinamización social do rural, a convivencia veciñal e a participación activa das mulleres na vida comunitaria. A asociación destaca o seu labor continuado a través de actividades culturais, sociais e educativas que contribúen á cohesión social, á valorización do papel das mulleres no medio rural e á transmisión dos valores identitarios do territorio.
  • XURXO LOBATO: O recoñecido fotógrafo galego será nomeado Xuíz Honorario do Couto Mixto. A asociación salientou a súa traxectoria no fotoxornalismo e na divulgación do patrimonio cultural, así como a súa achega ao Couto Mixto a través do traballo fotográfico realizado no libro “O Couto Mixto: unha república esquecida” (2005), que contribuíu a construír a memoria visual deste territorio.
  • MARCO FRANCO NEVES: O lingüista, escritor, docente e divulgador portugués foi elixido Xuíz Honorario do Couto Mixto. Recoñéceselle a súa destacada figura na difusión da lingua portuguesa como ponte entre comunidades e a súa contribución ao diálogo cultural e lingüístico entre Galicia e Portugal, especialmente pola súa reflexión sobre a relación entre galego e portugués.

Acto de entrega

A entrega oficial das distincións terá lugar o sábado 4 de xullo de 2026, ás 12:30 horas, na Igrexa de Santiago de Rubiás, durante o acto central da Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto. Os homenaxeados recibirán un diploma acreditativo, unha insignia de prata e unha chave simbólica.

A Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto, integrada no colectivo Galeguizar Galicia, mantén así o seu labor de recoñecemento a persoas e colectivos que contribúen á preservación da memoria, valores e singularidade histórica e cultural dos territorios do Couto Mixto.

PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser