40 escolares do CEIP Carlos Casares de Xinzo visitaron o Centro de Interpretación da Lagoa e o humidal artficial «Areeiras Sandiás»

Dende A Limia

Un grupo de preto de 40 nenos e nenas de primaria, acompañados por tres educadores, participou nunha intensa visita guiada de case tres horas ás Areeiras da Limia, no territorio de Sandiás.

A xornada, celebrada o mércores 24 de marzo, comezou cun almorzo na área recreativa de Sandiás, xunto á Casa de Cultura. Posteriormente, os asistentes desprazáronse ao Centro de Interpretación Alex de los Ríos.

A visita guiada, dirixida por Alex de los Ríos, especialista en historia con experiencia didáctica, e Pepe Gándara, coordinador da «Casa da Lagoa», permitiu aos mozos descubrir a Casa da Lagoa e coñecer a historia, lendas, flora, fauna e recursos económicos da primixenia Antela. Esta parte da actividade incluíu a observación de pezas históricas e etnográficas, fotografías antigas, vídeos e paneis interactivos.

A segunda parte da visita tivo lugar no humidal artificial das Areeiras de Sandiás. Alí, os nenos e nenas puideron apreciar a diferenza entre unha lagoa natural e unha artificial, observar empresas e máquinas industriais da explotación da area, e coñecer dúas areeiras abandonadas e renaturalizadas. Tamén se analizaron as características das charcas e o seu proceso de renaturalización.

Ademais, observaron o canal principal de desecación da Lagoa de Antela e identificaron o xunco bión nas beiras das charcas.

A visita culminou no observatorio 2 (casa dos terróns), onde, cunha guía de aves, os participantes puideron identificar especies como o Cormorán, Lvanco Real e Mergullón cristado, e recibiron recomendacións para a observación de aves.

A actividade rematou cunha invitación a regresar no verán, xunto ás familias, para seguir explorando a zona con máis tranquilidade.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA