Novo impulso á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Sandiás

Dende A Limia

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Sandiás
inicia unha nova etapa co nomeamento de Fernando Gándara Gándara como
presidente e responsable do colectivo, cargo que asumiu o pasado 3 de
febreiro. Gándara, cunha sólida formación técnica en seguridade e
investigación, diplomado e máster en Criminalística e Conselleiro Superior
en Ciencias Forenses pola Universidad Autónoma de Barcelona, busca
reforzar o equipo e impulsar novas liñas de traballo para mellorar o
servizo á veciñanza e a capacidade de resposta ante emerxencias.

O pasado 6 de marzo celebrouse unha reunión interna para definir as
liñas de traballo futuras. Entre os obxectivos principais destacan a
mellora da comunicación e visibilidade da agrupación, potenciando o uso
das redes sociais para difundir información útil á cidadanía (alertas
meteorolóxicas, recomendacións de seguridade) e dar a coñecer o traballo
dos voluntarios. Tamén se informará sobre a adquisición de novo material
para mellorar a capacidade operativa.

Outro eixo fundamental será a captación de novos voluntarios a través de
campañas informativas e xornadas de portas abertas. A formación e
especialización dos membros actuais tamén é unha prioridade, co fin de
mellorar a súa preparación técnica para actuar en diferentes tipos de
emerxencias.

A prevención será un piar fundamental, coa participación en programas de
formación continua e actividades de divulgación dirixidas á cidadanía, como
charlas en centros escolares e asociacións, para promover a autoprotección.

A agrupación fai un chamamento á participación cidadá, lembrando que o
voluntariado é unha peza esencial no sistema de protección civil para
reforzar os recursos e prestar apoio á poboación.

O equipamento operativo da agrupación inclúe vehículos, ferramentas
técnicas, equipos de intervención, material sanitario e sistemas de
comunicación. As funcións habituais dos voluntarios de Protección Civil
en concellos como Sandiás abarcan a regulación do tráfico en eventos,
a busca de persoas desaparecidas, o apoio en incendios forestais,
intervencións en inundacións, colaboración na seguridade de festas e
eventos, e apoio aos servizos do 112, Garda Civil e persoal sanitario.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA