​A Corporación provincial dá o primeiro paso para a posta en marcha do Plan CooperOU 2026, con 19 millóns para o financiamento de actuacións municipais

Dende A Limia

O pleno da Deputación de Ourense aprobou inicialmente e por unanimidade o Plan Provincial de Cooperación de 2026, o Plan CooperOU, cun orzamento de 19 millóns de euros, un millón máis que o ano anterior. O plan mantén as modificacións do ano pasado nos investimentos, outorgando maior flexibilidade aos concellos na xustificación de proxectos para evitar a perda de achegas.

O Plan CooperOU 2026 reparte os fondos segundo criterios como a poboación (50%), núcleos de poboación (20%), índice de envellecemento (15%) e superficie do concello (15%), cunha parte fixa por habitantes que oscila entre 90.000 e 120.000 euros.

Os concellos poderán destinar como mínimo o 40% a investimentos reais e como máximo o 60% a gasto corrente ou amortización de débeda. Excepcionalmente, poderá destinarse o 100% a gasto corrente e amortización en casos de insuficiencia financeira manifesta.

Tamén se acordou a finalización, o 14 de marzo, da asunción por parte da Deputación dos servizos mínimos obrigatorios do Concello dos Blancos (abastecemento de auga, saneamento, pavimentación, iluminación e depuración de augas residuais). O Concello dos Blancos retomará a xestión destes servizos tras unha dispensa solicitada hai dous anos.

Outros acordos inclúen a aprobación inicial da ordenanza de recollida de animais abandonados e a actualización do inventario de bens da Deputación, valorado en case 1.871 millóns de euros.

A sesión tamén marcou a toma de posesión das deputadas socialistas Eva María Pérez Gamote e Susana Rodríguez Rodríguez.

Ademais, aprobáronse mocións por unanimidade:

  • Reclamación ao Goberno central para a finalización da autovía A-56 (Ourense-Lugo), esixindo un calendario de execución e consignación orzamentaria. Pídese á Xunta de Galicia defensa activa da infraestrutura e á Deputación que lidere unha fronte común cos concellos afectados.
  • Solicitude á Deputación dun plan de choque para a inspección, reparación e acondicionamento das estradas provinciais danadas polas inundacións, destinando fondos prioritariamente aos concellos.
  • Solicitude á Consellería do Medio Rural dunha liña urxente de axudas para explotacións agrícolas e gandeiras afectadas e cofinanciamento da Xunta e o Estado para pistas de concentración parcelaria.
  • Apoyo á defensa do termalismo terapéutico como recurso sanitario estratéxico, solicitando á FEMP que pida ao Goberno a supresión do termo «balneario» e a referencia ao «uso de augas» na normativa sanitaria. Tamén se pide á Xunta que estude a inclusión progresiva das terapias balnearias na súa carteira de servizos.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA