O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense presentará no vindeiro pleno unha moción para aprobar un plan de choque de reparación das infraestruturas viarias provinciais na comarca da Limia e habilitar unha liña de axuda extraordinaria para os concellos afectados polas recentes inundacións.
O voceiro do grupo, Álvaro Vila, acompañado da alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, comprobou a gravidade da situación que afecta á comarca dende hai semanas.
A comarca sufriu danos de consideración debido á sucesión de borrascas atlánticas. As inundacións provocaron o desbordamento do río Limia, o corte de decenas de vías, o asolagamento de vivendas e a perda de preto do 80% da colleita de cereal de inverno. A Lagoa de Antela reapareceu en fincas produtivas.
Concello como Xinzo de Limia activou o seu Plan de Actuación Municipal fronte ao risco de inundacións. Sandiás, Porqueira, Vilar de Santos, Baltar e Trasmiras viron como o nivel da auga superaba as soleiras das vivendas e bloqueaba accesos.
A alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, denunciou que os concellos da Limia carecen de recursos técnicos e orzamentarios para afrontar a situación e urxiu á Deputación a cumprir co seu papel.
A moción socialista propón a aprobación dun plan de choque para a inspección, reparación e acondicionamento das estradas provinciais afectadas na Limia, con dotación orzamentaria específica. Tamén se propón unha liña de axuda extraordinaria para os municipios limiaos, destinada á reparación de infraestruturas locais danadas, con tramitación simplificada e asistencia técnica e xurídica da Deputación.
Álvaro Vila afirmou que se trata dunha petición xusta e que a institución provincial debe cumprir coas súas obrigas con unha comarca que sofre dende hai tempo.
Fonte: www.dendealimia.com
