
A Xunta aposta polo desenvolvemento rural coa maior convocatoria da historia das axudas LEADER dotadas con 28,7 M€ ata 2028
- Fonte
- Dende A Limia
- Publicada
- 2 feb.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a maior convocatoria histórica das axudas Leader, cun orzamento de 28,7 millóns de euros para o período 2026-2028. Esta convocatoria trianual ofrece unha vantaxe temporal para os promotores de proxectos.
Estes fondos forman parte do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), que destina un total de 56,9 millóns de euros á intervención Leader durante todo o seu período de vixencia.
As axudas están dirixidas a entidades públicas locais ou comarcais, persoas físicas e xurídicas, e comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades. O Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) financia o 80% do orzamento, que apoiará proxectos produtivos xeradores de emprego e autoemprego, así como proxectos non produtivos que beneficien á poboación rural.
Dentro dos proxectos produtivos, poderán financiarse iniciativas para a creación, ampliación e modernización de PEMES en sectores como o turismo, servizos ou industria. Tamén se apoiarán proxectos de transformación e comercialización de produtos agrarios, establecementos de turismo rural, restaurantes, pequenas industrias, talleres, perruquerías e tendas de ámbito local.
O prazo de presentación de solicitudes ábrese mañá e estenderase durante dous meses, ata o 6 de abril.
Bono Activa Rural
Esta convocatoria inclúe tamén o Bono Activa Rural, unha subvención a tanto global destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrarias en contornas rurais. A axuda non require xustificación de gastos e vincúlase ao mantemento da actividade e ao cumprimento do plan empresarial durante polo menos cinco anos.
Os proxectos que opten a esta modalidade de axuda competirán cos proxectos produtivos doutras convocatorias. Os beneficiarios deben ser persoas físicas que se dean de alta como autónomos e xeraren unha actividade empresarial individual, creando polo menos o seu propio posto de traballo. A axuda pode alcanzar un máximo de 18.000 euros.
