A Xunta de Galicia lanzou unha nova liña de axudas destinadas á rehabilitación de vivendas en concellos con menos de 5.000 habitantes. Estas subvencións poderán alcanzar os 30.000 euros por vivenda.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, presentaron esta iniciativa en Moraña. O obxectivo principal é revitalizar estes concellos e fomentar o asentamento de poboación no medio rural.
Esta nova liña súmase ás xa existentes para garantir o acceso á vivenda en concellos de menor tamaño. Está pensada tanto para a rehabilitación integral como para o remate ou ampliación de vivendas. Inclúe tamén a posibilidade de converter locais baleiros en vivendas, un proceso que xa foi simplificado pola Xunta.
O orzamento inicial para este programa é de 5 millóns de euros anuais, con fondos autonómicos, e poderá ser ampliado en función da demanda. Un aspecto destacado é que os beneficiarios poderán recibir as axudas antes de iniciar as obras.
As axudas están dirixidas a propietarios ou usufrutuarios de vivendas ou locais situados en concellos de menos de 5.000 habitantes. A condición principal é que a vivenda rehabilitada ou creada (por cambio de uso) deberá ser destinada a domicilio habitual e permanente, ben do propietario ou en alugueiro por un mínimo de 5 anos.
Esta nova liña é compatible con outras axudas da mesma finalidade, xa sexan doutras consellerías da Xunta ou doutras administracións, sempre que a suma das axudas non supere o custo total das actuacións. Por exemplo, é compatible coas axudas para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, permitindo adquirir unha vivenda abandonada e posteriormente reformala con esta nova subvención.
No caso do programa Fogar Vivo, estas axudas de reforma non son compatibles, pero si se poderán utilizar para cubrir seguros de impago de rendas ou seguros multirrisco do fogar.
Obras subvencionables
As axudas cubrirán ata o 75% do custo das obras, cun máximo de 30.000 euros. As actuacións subvencionables inclúen traballos de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sostibilidade e eficiencia enerxética. Tamén se inclúen obras para medir e eliminar a presenza de gas radón nas vivendas.
O custo total das actuacións subvencionables pode englobar os honorarios de redacción de proxectos, informes técnicos, certificados necesarios, gastos de tramitación administrativa, así como impostos, taxas e tributos debidamente xustificados.
Prazo de solicitude
Tras a publicación das bases no Diario Oficial de Galicia, o prazo para presentar solicitudes abriuse o día 21 deste mes e rematará o 1 de setembro, ou cando se esgote o crédito dispoñible.
Outras liñas de axuda
Esta nova convocatoria de axudas complementa outras iniciativas da Xunta para o impulso da vivenda, como as destinadas á adquisición de vivendas en concellos de menos de 10.000 habitantes (con maior dotación para menores de 36 anos), a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal, a reforma en Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), ou a rehabilitación de vivendas no Camiño de Santiago ou na Ribeira Sacra. Ademais, o programa Fogar Vivo ofrece axudas de ata 16.000 euros para a recuperación de vivendas baleiras.
Fonte: www.dendealimia.com
