
O Concello e Teatro Aneis alíanse para dinamizar o Nadal
- Fonte
- Diario do Limia
- Concello
- Xinzo de Limia
- Publicada
- 9 dec. 2025
A programación de Nadal en Xinzo de Limia afianza este ano o seu carácter participativo e descentralizado, grazas á colaboración entre o concello e o tecido asociativo, destacando a presenza de Teatro Aneis. O obxectivo é fomentar a base teatral infantil e asegurar que a oferta cultural chegue a todo o municipio.
O alcalde, Amador Díaz, subliñou a importancia destas entidades: “As asociacións e os colectivos da vila son o verdadeiro motor de Xinzo. Sen a súa enerxía, a súa constancia e o seu compromiso diario, sería imposible ter a vida cultural e social que temos”.
As actividades conxuntas comezan o domingo, 14 de decembro, ás 17:00 horas na Casa da Cultura co I Festival de Nadal, impulsado pola ANPA do CEIP Carlos Casares e con vocación de continuidade.
Neste festival, Teatro Aneis presentará o traballo formativo do curso, coa colaboración da ANPA do CEIP Rosalía de Castro, Dxartem, Fusión Fitness e Coeducontando.
Posteriormente, a programación estenderase aos núcleos rurais co ciclo “Nadal nos Pobos”. Teatro Aneis, xunto coa Agrupación Musical da Limia, levará música, humor, teatro e agasallos aos centros sociais das parroquias.
A xira structúrase en tres xornadas:
- Sábado 20: Baronzás, Morgade, San Pedro e Laroá.
- Luns 22: Rebordechá, Boado, Mosteiro e Ganade.
- Martes 23: Gudín, Parada de Ribeira e Piñeira Seca.
Esta colaboración tamén serve como homenaxe institucional a Teatro Aneis e ao seu director, Manolo Fontemoura, polo seu achegamento ás tres décadas de traxectoria. O concello recoñéceos como embaixadores culturais pola súa “constante dispoñibilidade” e o seu traballo en Xinzo durante trinta anos.
Saber máis · Descubre A Limia
Xinzo de Limia
9.699 habitantes · 20 parroquias
Coñecer o concello →


