
Novas Bonificacións na AP-53 Santiago-Ourense
- Fonte
- Diario do Limia
- Publicada
- 9 abr. 2025
O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, aprobou o Real Decreto polo que se regulan o novo esquema de bonificacións dos peaxes da autoestrada galega AP-53 Santiago de Compostela-Ourense, que permitirá aforros de 315 euros ao mes aos vehículos lixeiros que usen a diario a infraestrutura e cumpran unha serie de condicións e de 420 euros aos pesados.
Así, tal e como adiantou o ministro, Óscar Puente, os descontos empezaranse a aplicar esta semana, xa que entrarán en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE), e estarán vixentes ata o final da concesión, en novembro de 2074.
O obxectivo é incentivar o uso da autoestrada para mellorar a seguridade viaria e reducir a conxestión e os índices de sinistralidade nas estradas que ofrecen condicións de percorrido máis estritas, en particular pola N-525, cuxas características en canto a trazado e capacidade son máis esixentes.
Características das bonificacións
As bonificacións a vehículos lixeiros, sempre que utilicen como sistema de pago o telepeaxe e cumpran unha serie de condicións de habitualidade e/ou recurrencia, son as seguintes:
- Habitualidade: Gratis todos os traxectos de volta que se realicen nun prazo máximo de 24 horas. A bonificación do 100% do camiño de regreso ao punto de orixe aplicarase todos os días da semana incluído festivos. O percorrido de volta debe ser igual ao de ida.
- Recurrencia extraordinaria: usuarios que realicen ao menos vinte desprazamentos ao mes pola autoestrada de peaxe, aplicarase unha bonificación adicional do 50% do importe pagado de todos os percorridos realizados nese mes. Contabilizarase como un único desprazamento o conxunto de percorridos realizados nun mesmo día e nun mesmo sentido de circulación.
Para os vehículos pesados tipo 1 e 2: desconto do 50% do importe do peaxe en todos os percorridos. Aplicaranse sen ningún tipo de condicións xa que están dispoñibles todos os días da semana (laborais e festivos) e para calquera sistema de pago de peaxe. O desconto realizarase de forma automática no momento do pago na barreira (cabina de peaxe) tanto se o abono é en efectivo, tarxeta ou con telepeaxe.
Exemplos de descontos ao usuario
A modo de exemplo, un condutor de vehículo lixeiro que viaxe entre Ourense e Santiago de Compostela sete días á semana, realizando en menos de 24 horas o mesmo traxecto de ida e volta, aforrarase 315 euros ao mes en peaxes grazas ás novas bonificacións, sempre e cando pague co sistema de telepeaxe Vía-T.
O custo do peaxe sen descontos sería duns 420 euros ao mes, considerando un mes de 30 días, polo que realiza 60 traxectos entre ida e volta. Así, o usuario abonará 105 euros ao mes por utilizar a diario a estrada.
E é que, á gratuidade da viaxe de volta, súmase a bonificación extra por recurrencia extraordinaria xa que realiza 20 ou máis traxectos ao mes, elevando ao 75% a rebaixa aplicada. Cada traxecto entre Ourense e Santiago de Compostela ou viceversa ten un custo de 7 euros sen bonificacións.
Outro exemplo, se viaxa catro veces por semana retornando no día aforrarase 168 euros ao mes. Coa situación actual, serían 224 euros ao mes o que tería que abonar por 8 traxectos á semana entre idas e voltas, catro semanas por mes. Isto supón un aforro do 75%, xa que se lle aplicarían tanto os descontos por ser usuario habitual como os de usuarios recorrentes.
Tamén, un condutor que desde Santiago de Compostela os días laborables fai a ruta polas poboacións na estrada N-525, retornando a Santiago pola autoestrada desde diferentes accesos, ao realizar 20 traxectos ou máis ao mes, sempre e cando pague con telepeaxe, é considerado usuario con recurrencia extraordinaria, polo que se lle aplicará unha bonificación do 50% do importe pagado de todos os percorridos realizados nese mes.
Empezaría a contar desde o percorrido inicial, sen necesidade de que teñan o mesmo orixe e destino. Así, con este exemplo, en total aforrarase 53,38 euros en peaxes ao mes dos 106,75 euros da tarifa completa. Do mesmo modo, un camión de dous eixos (tipo 1) que cobre a ruta Santiago de Compostela-Ourense entre semana (ida e volta ao día) aforrarase 236 euros ao mes en peaxes coas bonificacións, o 50% do custo total de 472 euros que resulta de aplicar a tarifa de 11,80 euros actual por traxecto, dúas veces ao día os cinco días da semana.
Pola súa parte, un camión de catro eixos (vehículo pesado de tipo 2) que descarga todos os días en Santiago de Compostela mercancía desde Lalín aforrarase 420 euros en peaxes ao mes coas bonificacións, xa que realizar 60 tránsitos entre ida e volta ao mes custa 840 euros coas tarifas oficiais (14 euros por traxecto para vehículos pesados de tipo 2).
Financiamento da medida
Previamente á aprobación deste Real Decreto, o Goberno habilitou as dotacións económicas necesarias para financiar estes descontos ata o final de concesión.
En concreto, fixouse nuns 14,3 millóns de euros o orzamento previsto para financiar todos os descontos da AP-53 nos anos 2025, 2026 e 2027. Esta cifra elévase a 885 millóns de euros ata o final da concesión da autoestrada no ano 2074.
A autoestrada AP-53 forma parte do corredor de alta capacidade que vertebra o interior sur de Galicia uníndoo co interior da península e, xunto coa N-525, é fundamental para conectar Santiago de Compostela con Ourense.


