
O Entroido Galego declarado Ben de Interese Cultural
- Fonte
- Diario do Limia
- Publicada
- 11 mar. 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración do Entroido galego como Ben de Interese Cultural (BIC). A Xunta de Galicia conclúe así o proceso de recoñecemento do seu valor singular como patrimonio inmaterial do pobo galego, aplicándoselle o réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural e garantindo o máximo nivel de protección.
Esta culminación chega tras a aprobación do decreto polo Consello da Xunta o luns 3 de marzo, e despois de recibir informes favorables do Consello da Cultura Galega e do Museo do Pobo Galego, sen rexistrarse ningunha alegación. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude remata así o proceso iniciado en 2024, distinguindo o Carnaval galego pola súa “honda carga histórica, etnográfica e cultural” e a súa “gran contribución” ao patrimonio inmaterial, destacando a súa relevante presenza nas artes e nas letras, dentro e fóra de Galicia.
O decreto destaca as múltiples funcións sociocomunitarias e culturais do Entroido, valorando o seu papel en “reafirmar os lazos de identidade colectiva dun lugar, aldea, parroquia ou concello, a través da manifestación dun espírito lúdico e festivo”, favorecendo a “sociabilidade, a integración e inclusión social e unha rica convivencia interxeracional”.
A declaración como BIC enaltece a riqueza, diversidade e multitude de expresións singulares do Entroido, facendo fincapé na súa “pluralidade e extensión por todo o territorio galego”. De feito, 191 dos 313 concellos galegos (61%) elixen unha data vinculada ao carnaval como festivo local.
Con esta aprobación, son xa 784 os Bens de Interese Cultural existentes en Galicia. Desses, 111 foron declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, reflectindo o compromiso do Goberno por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio singular da Comunidade.
Ampla distinción á celebración
A consideración como BIC abrangue toda a celebración do Entroido en Galicia, e non se limita a festivos concretos. Algúns deles xa contaban con esta distinción, como os de Santiago de Arriba (Chantada), Salcedo (A Proba do Brollón) e Esgos, declarados BIC no marco da declaración do Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra en 2018.
O decreto tamén ten en conta varios carnavales con recoñecemento como festas de interese turístico: Xinzo de Limia (internacional), Verín (nacional), e outros nove de interese turístico galego: Cobres, Laza, Viana do Bolo, o Folión tradicional do Carnaval de Manzaneda, o xeral da Ulla, Maceda, Vilariño de Conso, Foz e o Enterro da Sardina de Marín.
A distinción inclúe os vínculos coa gastronomía, destacando a súa relevancia na vida social. Existen cinco festas gastronómicas de interese turístico relacionadas co Entroido: a Feira do Cocido de Lalín (internacional), as festas da Filloa de Lestedo, do Lacón con Grelos de Cuntis, da Androlla de Viana do Bolo e do Botillo do Barco de Valdeorras.
O emprego da máscara como elemento característico, vinculado ás raíces rurais, aínda que estendido a carnavales urbanos, tamén é destacado. O Entroido presenta ritos, normas, expresións e materialidade que “cambian e adaptanse aos tempos, constituíndo un patrimonio cultural vivo e valioso”.
Medidas de salvagarda
O decreto inclúe medidas de salvagarda para a preservación, transmisión e revitalización deste BIC. Recoméndase o arquivo e sistematización de documentos para unha “comprensión máis eficaz e completa” e a súa preservación futura. Suxírese a incorporación á enseñanza “formal e non formal” e a creación dun repositorio do Entroido galego con documentación, testemuños e material audiovisual.


