
Visita ao Obradoiro de Emprego Couto Mixto III en Baltar
- Fonte
- Dende A Limia
- Concello
- Baltar
- Publicada
- 21 feb. 2025
Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense, visitou esta mañá o concello de Baltar para supervisar o Obradoiro de Emprego Couto Mixto III. Acompañárono o alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo; o alcalde dos Blancos, José Manuel Castro; e o alcalde de Calvos de Randín, Aquilino Valencia.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inviste preto de 412.000 euros neste obradoiro, que forma a 20 alumnos-traballadores en dous módulos: Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas (10 alumnos) e Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría (10 alumnos).
Pardo destacou que unha das prioridades do Goberno galego é impulsar a formación para que as persoas desempregadas e traballadoras teñan maiores e mellores capacidades para acceder a un emprego estable e de calidade. Esta prioridade, segundo o delegado, reflíctese nos novos Orzamentos 25.
O delegado territorial sinalou a tripla dimensión dos obradoiros duais de emprego: mellora da empregabilidade dos participantes mediante formación teórica e práctica; desenvolvemento de actuacións de mellora en espazos públicos e prestación de servizos de interese xeral e social; e colaboración cos concellos para incrementar o emprego.
Pardo subliñou a importancia destas medidas, xa que, ademais de formar persoas con dificultades de inserción laboral nun traballo público remunerado, permiten obter un certificado de profesionalidade e adquirir ferramentas para reforzar as habilidades e competencias necesarias para o mercado laboral.
Actuacións do Obradoiro de Emprego ‘Couto Mixto III’
Concello de Baltar:
- Rehabilitación de fornos en Baltar, Aldea e Barrio en Boullosa.
- Restauración do lavadoiro de Meaus e dos fornos de Montecelo, Bouzo, Sabucedo e Tixós.
- Limpeza, debruce e plantación de árbores e arbustos no centro médico de Baltar.
Concello dos Blancos:
- Arranxo das áreas recreativas de Anguís, Nocedo e Covelas.
- Acondicionamento da escola en Fontarcada e do edificio multiusos Os Blancos.
Concello de Calvos de Randín:
- Restauración de muros en Castelaus, Feas e Serois.
- Debruce e plantación de céspede no parque infantil e no exterior do velorio de Randín.
- Traballos de xardinaría no parque da Peneda, na casa Cortés e no concello.
Saber máis · Descubre A Limia
Baltar
849 habitantes · 7 parroquias
Coñecer o concello →


