A Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia (Vilar de Santos), a proposta do seu Consello Asesor, na xunzanza celebrada hoxe sábado, día 21 de outubro, acorda concederlle o PREMIO PEDRA ALTA 2023, na súa VI edición, a dona Amalia Gómez Manso (Santana-Sandiás, 1927), fundadora do restaurante Novaíño.
Na persoa de dona Amalia, o Museo da Limia quere renderlle unha homenaxe a todas as mulleres, que tanto contribuíron ao desenvolvemento da nosa comarca.
Hai arredor de 70 anos, a mediados dos anos sesenta do século pasado, dona Amalia Gómez Manso foi quen de transformar unha taberna de aldea, situada ao pé da N-525, en Novaíño (Piñeira de Arcos), nun dos restaurantes máis emblemáticos da comarca da Limia, que hoxe rexenta a terceira xeración familiar, representada nos seus netos Toño e Ana, acompañados pola súa nai Pepita, despois da xubilación do fillo, Antonio.
Cómpre salientar a aposta decidida e continuada pola cociña tradicional galega e polos produtos autóctonos, nun lugar de parada necesaria, de encontro e acollida, onde poderiamos contar cos dedos das mans os limiaos que non pasaron nalgunha ocasión polo restaurante O Novaíño, para xantar ou participar nalgún banquete familiar ou de amigos. Sería difícil atopar un camioneiro, un viaxeiro de paso que, tendo que circular pola N-525 ao seu paso pola Limia, non parase algunha vez no restaurante da nosa homenaxeada co Pedra Alta de 2023.
A reunión extraordinaria do Consello Asesor do Museo da Limia tivo como un dos puntos da orde do día a elección da entidade, asociación ou persoa física que considera merecedora da concesión do premio anual Pedra Alta na súa 6ª edición.
Con esta elección queremos render homenaxe a nosas avoas e ás nosas nais, ás mulleres que se enfrontaron á adversidade na nosa Limia, unha obriga do Museo da Limia que non debía demorar máis.
Fonte: www.dendealimia.com
