A Deputación de Ourense mobiliza máis de 861.000 euros, centrados na cooperación municipal e en consolidar o Programa Chegou de apoio ás familias

Dende A Limia

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou unha mobilización de 861.476,21 euros destinados a reforzar a cooperación cos concellos e apoiar ás familias da provincia.

Do total aprobado, 461.476,21 euros corresponden a cooperación municipal, dirixidos a axudas directas a 14 concellos da provincia para melloras de infraestruturas, saneamento, alumeado público, equipamento municipal e actuacións viarias. Os concellos beneficiados e as súas achegas son:

  • Monterrei: 68.288 euros
  • Paderne de Allariz: 33.000 euros
  • Beade: 40.000 euros
  • O Bolo: 1.900 euros
  • O Carballiño: 48.262,45 euros
  • Castrelo de Miño: 11.513,84 euros
  • Celanova: 49.990,26 euros
  • Cualedro: 14.637,23 euros
  • Laza: 45.000 euros
  • Padrenda: 40.000 euros
  • Petín: 19.167,55 euros
  • Porqueira: 15.000 euros
  • Ribadavia: 29.998 euros
  • Riós: 44.718,88 euros

Ademais, destináronse 400.000 euros ao Programa ChegOU 2026, unha iniciativa social estratéxica e unha ferramenta clave na loita contra o reto demográfico na provincia, apoiando a natalidade e as familias. Esta contía mantense estable respecto aos últimos anos, garantindo estabilidade e compromiso coas familias.

O programa ChegOU apóiase nos datos do exercicio 2025, que confirmaron a súa solidez e eficiencia: 1.135 solicitudes recibidas e 1.054 admitidas (case un 93%). As axudas oscilaron entre 300 e 1.250 euros, en función do concello de empadroamento e circunstancias familiares, cunha discriminación positiva para concellos de grao 2 e 3 (500 euros) e incrementos por discapacidade (ata 1.000 euros) e familia numerosa (250 euros).

Unha das innovacións destacadas do programa é o seu sistema de tramitación dixital para persoas en exclusión dixital, que en 2025 incorporou a sinatura biométrica vocal. Este sistema permitiu tramitar 170 solicitudes sen certificado dixital, supoñendo un aforro de 4.858 quilómetros en desprazamentos e garantindo validez xurídica, identificación segura e simplificación administrativa.

A axuda materialízase a través dunha tarxeta electrónica ChegOU para gastos de produtos de hixiene, alimentación e saúde do bebé. A tarxeta estará activa ata o 31 de maio de 2027, e o prazo de solicitude abrirase tras a publicación das bases no BOP ata o 31 de decembro de 2026, ampliado ata o 15 de xaneiro de 2027 para nacementos a finais de ano.

A Deputación de Ourense reafirma así o seu compromiso coas familias da provincia, apostando por medidas concretas, eficaces e sostibles no tempo para afrontar o reto demográfico con políticas activas.

Fonte: www.dendealimia.com

VER NOTICIA COMPLETA