Domingo, 8 de novembro Xinzo 11° Garda: FARMACIA OLIVERA CORTIÑAS, C. B.
Dende A Limia

Sandiás presenta un programa de Nadal con seis temáticas propias e foco na tradición

3 min de lectura

Fonte
Dende A Limia
Concello
Sandiás
Publicada
10 dec. 2025
Ver a noticia orixinal

O Concello de Sandiás deu a coñecer o seu programa de Nadal, que se estruturará arredor de seis temáticas propias destas festas. A presentación estivo a cargo do alcalde, Felipe Traveso, acompañado polos concelleiros de Cultura, Pepe Gándara, e de Xustiza Social e Participación Cidadá, Pilar Cabrera.

A ambientación e decoración do concello revivirá elementos simbólicos como a casa consistorial, a casa, o tren, coellos, cervos, a ponte, o pescador e a emblemática torre do Castro. A iluminación tamén será protagonista, destacando a “bola do mundo” e diversas árbores. Esta decoración estenderase ás 18 aldeas do municipio con pequenos detalles que buscan “acender a maxia e a ilusión dos veciños”. O material empregado será de baixo custo e reciclado, coa contribución das brigadas municipais e a colaboración de veciños e veciñas.

O agasallo municipal deste ano será un calendario que pon en valor o patrimonio relacionado coa arquitectura da auga, mencionando especificamente o pozo de mina na aldea de Piñeira de Arcos e a fonte da desaparecida aldea da Uceira. Tamén se animará á decoración dos fogares.

Para os máis pequenos, a xornada do venres 19 de decembro, de 17:30 a 20:00 h no Salón de Actos e Local Social do Concello, estará protagonizada polos nenos e nenas do Punto de Atención á Infancia (PAI) xunto ás súas familias, coa colaboración da AMPA e do Concello. Realizaranse manualidades, haberá sorpresas con panxoliñas preparadas polos cativos e contará coa presenza do Apalpador e o teatro de monicreques “O Apalpador e a nena sen medo” da Xanela do Maxín, aberto á participación de toda a veciñanza.

A música terá un papel destacado. O sábado 20 de decembro, ás 19:00 h na Casa de Cultura do Concello de Sandiás, terá lugar o IV Concerto de Música co cantautor Emilio Rúa e o poeta Xosé Carlos Caneiro, baixo o título “Cánticos de Luz e Nadal”.

Dentro da recuperación e mantemento das tradicións, o luns 5 de xaneiro pola tarde realizarase a Visita dos Reis Meigos aos máis cativos. Ademais, por cuarto ano consecutivo, o domingo 4 de xaneiro pola mañá celebrarase o Cantar os Reis, en colaboración co CDR O Viso, o PAI, o CEIP de Sandiás e veciños que desexen participar. A visita a Pazolandia para os máis pequenos está programada para o luns 29 de decembro.

Finalmente, destaca a VII Campaña de Solidariedade, centrada na recollida de alimentos. Iniciada o 14 de novembro, rematará o 18 de decembro. Os alimentos recadados serán doados ao Banco de Alimentos de Ourense.

Saber máis · Descubre A Limia Sandiás 1.086 habitantes · 3 parroquias Coñecer o concello →
PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser