← Volver Blogs

Francisco Seijo Iglesias. Director dos xornais: “El Agrario” (1919), “El Látigo” (1923) de Xinzo de LImia

Francisco Seijo Iglesias. Director dos xornais: “El Agrario” (1919), “El Látigo” (1923) de Xinzo de LImia

Fotografía de arquivo. A Limia News.

Naceu sobre 1875 en Ourense, cidade na que coñeceu a súa dona, Rosa Villarino Quintas, aprendiz de sombreireira, natural de Ganade. Casou e trasladou a súa residencia a Xinzo. De oficio reloxeiro por vía paterna, montou unha reloxería na praza da nosa vila e tiveron seis fillos. Home instruído e con gran facilidade para a escritura, a poesía e as coplas de entroido e cencerradas, colaborou, fundou e dirixiu varios xornais en Xinzo, os de maior contido político e de ideas republicanas. Foi agrarista e un gran defensor dos labregos e fustrigador de caciques, políticos “cuneros”, vividores e explotadores das clases máis desfavorecidas da Limia, o que lle orixinou numerosos problemas e visitou o cárcere da vila en moitas ocasións, el e mais os seus compañeiros de ideas progresistas.
Durante o ano 1919 é colaborador do xornal “Juventud”, onde escribe as crónicas máis duras e políticas contra os caciques locais e, posteriormente, é nomeado xerente deste xornal. Nesta época forma parte do Comité Republicano de Xinzo. Membro da Sociedad Agraria de Ginzo de Limia e do Comité Republicano de Xinzo.
Firmada por Zerep (Pérez de Ourense), e con data de maio de 1919, publícase no xornal Juventud unha descrición de Francisco Seijo: ”É dos vellos republicanos de pura cepa. Nin as adversidades da vida, nin o correr dos anos, mornearon a súa vontade férrea, a súa tenacidade que poderiamos chamar heroica. Nin persecucións solapadas e rastreiras, nin ninguén, ni nada, frearán os seus entusiasmos; con verdadeiro ardor, loita pola causa republicana, a súa consecuencia corre parella co seu optimismo, leva a loita e a discusión a todas partes e o seu busto forte é viril, orlado dunha barba hirsuta, dá a sensación de valentonería e baixeza que non existe. É un bravo republicano, un cidadán macho, a quen lle repugnan as sensiblerías de correlixionarios tímidos e para o cal non foi pronunciada aquela frase célebre do gran Costa, que nos chamaba “castrados”.
O seu amigo, Antonio Nieto Oliva, escribe: “Ten Seijo unha mentalidade esperta, espírito rebelde; foi un inadaptado que xamais mendigou favores. Incomprendido polos máis, a súa pluma áxil era un estilete cortante, mordaz. No periodismo local escribiu moito e ben. De gran vea poética. Hoxe rendémoslle este tributo da nosa pluma, crémonos obrigados a iso, era un gran poeta. Seijo era ourensán, pero pasou case todo o resto da súa vida en Xinzo, aquí na Limia casou e aquí cimentou a súa vida de brillante imaxinación, a súa fantasía creadora…”.
Debido á constitución en Xinzo da Sociedad Agraria de Ginzo de Limia, o xornal “Juventud” pasa a chamarse “El Agrario” e Francisco Seijo é o novo director. Lamentablemente, deste xornal, posiblemente o mais político e interesante, soamente se pode estudar un número e, tal vez polo seu contido agrarista e republicano, ninguén conservou exemplares dos mesmos. Non hai constancia da súa participación no xornal “El Camelo”, aínda que pola primeira dirección da redacción posiblemente participase seu fillo, Luís Seijo Villarino, que tamén colaborou moito e ben coa prensa local.
Durante algún tempo, desempeñou o cargo de auxiliar de secretaría no concello de Xinzo e renunciou á praza pouco antes de saír á rúa o periódico “Juventud” e tamén exerceu de secretario do concello de Trasmiras.
En 1923 funda “El Látigo”, do que é director e seguramente propietario, e que de seguro lle custou cartos. Nel colaboran case todos os que estiveron xuntos nas anteriores aventuras periodísticas, especialmente Celso Nieto Oliva pero, xa desencantados, teñen unha tendencia máis moderada. Termina pechando por problemas económicos.
A evolución política de Francisco Seijo desde a militancia activa e combativa contra o caciquismo, ideais polos que el tanto loitou, prodúcelle unha profunda decepción, tanto da clase política, como da resposta da xente nas eleccións. A dedicación e a defensa das súas ideas ao longo de moitos anos provocou unha quebra na súa economía e o abandono das obrigacións familiares, e tivo que visitar en numerosas ocasións, por motivos políticos, o cárcere de Xinzo. O seu desencanto vese perfectamente seguindo os seus escritos ao longo dos anos.
No aspecto relixioso, era home de pouca fe, pero de vez en cando encomendábase á Virxe dos Remedios de Ourense, a quen lle tiña algunha devoción, seguramente reminiscencias da súa educación de neno no seu Ourense natal. Foi o autor da letra do pasodobre Ginzo de Limia no ano 1929. O autor da música do pasodobre foi o mestre Xosé Pena Fuentes de Parada de Ribeira, director da banda a Lira de Parada.
A súa neta conta que cando estaba grave prostrado na cama, a familia quería que recibise os últimos sacramentos (o morrer sen recibilos estaba moi mal visto naqueles tempos, acabada de rematar a Guerra Civil), tanto insistiron, que o cura puido visitalo e ao lle comentar a Francisco Seijo que era o momento de pórse a ben con Deus, este contestoulle: “Con Deus sempre estiven a ben, con quen sempre estiven a mal é con vostedes”. Francisco Seijo, morre en Xinzo o día 5 de xaneiro de 1940 aos 65 anos de idade.
Pasodobre Ginzo de Limia: Peza que tocaba e cantaba a Tuna Antelana.
Ginzo de Limia, hermosa villa
donde el Sol brilla con mucho ardor,
te saludamos con alegría
tierra bendita rayo de amor.
Bella Antelana pon atención,
lo que hoy expresa nuestra canción
y de tus labios queremos ver
una sonrisa linda mujer.
Tu eres la virgen de los amores,
tu la que indicas pasión y arte,
por eso vamos de tres colores
formando tuna para cantarte.

Fonte: historiadexinzo.wordpress.com

Ver noticia completa
blog historia de xinzo Uncategorized
Tamén che pode interesar
A TORRE DE PENA (Xinzo de Limia)
Blogs A TORRE DE PENA (Xinzo de Limia)
Algúns historiadores datan no século XII a existencia da torre da Pena da Portela, e outros atribúen a súa construción aos suevos. Pero non será ata uns anos máis tarde en 1217, século XIII, que teñamos as primeiras novas coñecidas ate o de agora, do noso Castelo, cando o Rei Alfonso IX, decide entregar as súas fillas Sancha e Dulce en concepto de dote, algunhas das fortalezas galegas que, xa que logo, xa estaban en pé naquela altura, entre elas castellum Iohannis de Olariis nomeado como Portela…
12 de octubre de 2018 6 min lectura
Asociación Cultural A Pantalla: 30 anos protexendo a tradición do Entroido de Xinzo
Blogs Asociación Cultural A Pantalla: 30 anos protexendo a tradición do Entroido de Xinzo
A Asociación Cultural A Pantalla foi constituída no verán de 1996 en Xinzo de Limia. A súa xunta directiva fundadora estivo composta por Jesús Fariñas Diz (presidente), Daniel Rodríguez Enríquez (vicepresidente), Jorge Gómez Fidalgo (secretario) e Carlos Asensio Fernández (tesoureiro), xunto a outros vogais. Obxectivos e actividades A entidade naceu coa finalidade de promover, difundir e protexer a pantalla, o símbolo de identidade cultural máis significativo do Entroido de Xinzo. Para lograr …
16 de abril de 2026 2 min lectura
Blogs
Blogs Testimonios sobre la desecación de la Laguna
Victoriano M., trabajador del Instituto nacional de colonización. 89 años “Llegué a Xinzo en el año 1966. Empece trabajando en Extremadura y antes de comenzar a trabajar en los terrenos desecados estaba en Aguilas del Caudillo en Ciudad Rodrigo, construyendo pueblos que tenían de todo. Decidí venir a Xinzo porque me ofrecieron un piso y un coche. El piso está en la zona que llaman hoy en día las casas baratas, me lo financiaron a un precio muy bajo, el coche nunca apareció. “Mi labor consistía…
4 de febrero de 2016 7 min lectura
PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser