← Volver Diario do Limia

Desleixo e abandono, así cualifica Elvira Lama o primeiro ano do bipartito PP-Axil

Desleixo e abandono, así cualifica Elvira Lama o primeiro ano do bipartito PP-Axil

Fotografía de arquivo. A Limia News.

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia destaca a «parálise e o abandono» que vive o municipio cando se cumpre un ano da toma de posesión de Amador Díaz como alcalde a través dun pacto co PP. As e os socialistas critican que a día de hoxe «non se logrou nin un só avance, nin proxecto por parte do alcalde e do seu grupo de goberno Axil-PP, o que supón un ano perdido para as necesidades da poboación de Xinzo».

Para o grupo municipal socialista esta situación «bota por terra as numerosas promesas de Amador Díaz, quen afirmaba que da man dos seus novos socios do PP ía conseguir maiores investimentos para o concello». Tal e como sinalan as e os socialistas «o alcalde está vivindo de rendas», en alusión aos numerosos proxectos que se están executando e foron conseguidos polo anterior equipo de goberno, co PSOE ao fronte.

A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, afirma que tras un ano de mandato «queda latente que as promesas do alcalde non se cumpriron e que só serviron para botar por terra o traballo feito polo anterior goberno, que tiña un proxecto de modernidade para Xinzo, que melloraría a calidade de vida da veciñanza».

«O desleixo e o abandono que sofre a vila e tódolos núcleos do rural é máis que evidente», subliña Lama Fernández, que tamén apunta que «a día de hoxe non se executou ningunha obra importante, nin ningún novo servizo foi posto en marcha». A voceira socialista tamén recalca que «non temos constancia de ningún financiamento adicional para levar a cabo os proxectos estrela que se prometeron como o auditorio ou o remate do parque empresarial».

As e os socialistas poñen o foco na «pésima» xestión do funcionamento municipal e sinalan que «numerosas rúas e beirarrúas atópanse nun estado máis que lamentable, sen que haxa atesvos de reparación ou mantemento».  Tamén destacan que o famoso Plan Hurbe que ía servir para o acondicionamento do casco vello, «nin aparece, nin ten financiamento, máis aló de botar aglomerado en lugar de substituír as innumerables lousas de pedra rotas, o que supón un grave atentado patrimonial en plena Vía da Prata».
«Os principais parques están cheos de maleza e herba e sen ningún tipo de mantemento, nin tan sequera nas zonas de xogo, as xardineiras desapareceron da Praza Maior e as que quedan están abandonadas a súa sorte, situación que se repite tamén no campo da feira», láianse dende o grupo municipal socialista. O PSOE de Xinzo tamén pon o foco nas instalacións deportivas «nas que non hai melloras, nin acondicionamento», no edificio e nas instalacións das piscinas exteriores que «esmorecen na ruína, a piques de comezar o verán» ou nos campos de fútbol da Moreira que «non recibiron as melloras prometidas». Tampouco nada se sabe do plan estratéxico da Limia prometido para este concello e comarca pola Xunta de Galicia.
Xinzo segue perdendo poboación, algo que en palabras de Elvira Lama amosa que o goberno municipal «non é capaz de atraer e fixar poboación, nin de impulsar proxecto relacionados co emprendemento, que permitan atraer novos habitantes». Neste senso, tamén pon o foco en que «non hai proxecto para crear emprego, namentres se seguen pechando comercios e negocios de hostalaría». En relación á pataca, as e os socialistas critican que o alcalde e presidente da asociación de produtores «non logrou ningún avance para o sector, máis aló dunha viaxe de autobombo a Ecuador, financiada a través dunha revista especializada, a quen se lle adxudicou a promoción da Feira da Pataca de Alimagro, polo módico prezo de 11.000 euros». Nada se sabe da planta de residuos agrogandeiros nin da de tratamento e recollida de plásticos da agricultura. 
«Despois dun ano de mandato, o único que gaña é o ego persoal do alcalde, que ve como agora o traizoan os que para poñelo de alcalde, prometeron aquelo que non vai chegar», remata Elvira Lama.

Fonte: diariodolimia.gal

Ver noticia completa
Diario do Limia prensa local xinzo
Tamén che pode interesar
III Concentración Nacional de Vestales en Xinzo de Limia
Diario do Limia III Concentración Nacional de Vestales en Xinzo de Limia
A localidade de Xinzo de Limia celebrou a III Concentración Nacional de Vestales, un evento que reuniu a participantes procedentes de Lugo, Mérida e Astorga para conmemorar o legado da antiga Roma. O obxectivo principal desta cita foi poñer en valor o papel da muller na tradición romana e divulgar a labor realizada polas distintas asociacións dedicadas ao recreacionismo histórico. Durante a xornada, as asistentes participaron en diversas actividades culturais e compartiron experiencias, ref…
31 de mayo de 2026 1 min lectura
Conmemoración do Día Mundial sen Tabaco no IES Cidade de Antioquía
Diario do Limia Conmemoración do Día Mundial sen Tabaco no IES Cidade de Antioquía
No marco do Día Mundial sen Tabaco, un cento de estudantes e o corpo docente do IES Cidade de Antioquía, en Xinzo de Limia, celebraron un acto de concienciación para reivindicar a erradicación do tabaco e prevenir a adicción entre a xente nova. O evento contou coa participación de autoridades da Xunta de Galicia, entre elas o delegado en Ourense, Manuel Pardo, xunto aos responsables territoriais de Educación e Sanidade. Tamén estiveron presentes representantes do concello de Xinzo de Limia. Du…
29 de mayo de 2026 1 min lectura
A Xunta galega galardoa centros educativos polo seu labor en convivencia e inclusión
Diario do Limia A Xunta galega galardoa centros educativos polo seu labor en convivencia e inclusión
A Xunta de Galicia entregou en Santiago de Compostela os premios de excelencia educativa correspondentes á edición de 2025, recoñecendo o traballo de vinte e un centros educativos e unha aula hospitalaria polo seu compromiso coa convivencia escolar, o benestar emocional e a inclusión. Na provincia de Ourense, destacaron dous centros con galardóns e dotacións económicas específicas: CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia): Obtivo o segundo premio na categoría "Tolerancia Cero" (Educación Infant…
27 de mayo de 2026 1 min lectura