O Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) O Viso rematou en xuño un proceso de acompañamento que permitiu presentar 70 expedientes de regularización extraordinaria de estranxeiría para máis de 120 persoas na comarca da Limia.
A iniciativa, que busca consolidar a integración plena das familias na vida social e laboral da zona, contou cun equipo multidisciplinar formado por profesionais do traballo social, a educación social, a pedagoxía e a psicoloxía. Tras un estudo individualizado, os expedientes foron presentados co obxectivo de que estas persoas obteñan nos próximos meses a súa documentación como veciñanza de pleno dereito.
Un dos principais impactos desta medida será a normalización da situación administrativa de arredor de 30 menores. Isto permitiralles participar en centros educativos, escolas deportivas e actividades artísticas en igualdade de condicións co resto dos nenos e nenas.
En canto á procedencia das familias beneficiadas, o CDR O Viso destaca os seguintes datos:
- Venezuela: 47% dos expedientes.
- Colombia: 27%.
- Brasil: 12%.
- Perú: 10%.
- Uruguai: 1%.
- Norte de África (Alxeria e Marrocos): 3%.
A nivel xeográfico, o impacto centrouse principalmente na comarca da Limia, que sumou o 73% dos casos (con 36 expedientes en Xinzo de Limia e 15 distribuídos polo resto dos concellos). O 27% restante corresponde a familias da bisbarra de Verín-Monterrei, grazas á colaboración co CDR Portas Abertas.
Este proceso supuxo tamén un reforzo na colaboración entre os servizos sociais municipais e a rede provincial coordinada pola Área de Benestar da Deputación de Ourense. Esta acción enmárcase no programa Galicia Acolledora, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a través da asignación do 0,7% do IRPF.