← Volver La Voz de Galicia

Antón Riveiro Coello: «Ao falar de emigración esquecemos o fracaso de xente que foi explotada»

Antón Riveiro Coello: «Ao falar de emigración esquecemos o fracaso de xente que foi explotada»

Fotografía de arquivo. A Limia News.

Antón Riveiro Coello, na presentación do seu libro. MARCOS CREO

A partir dun asasinato, o escritor novela en «Hotel Carioca» unha historia en ambas beiras do Atlántico
07 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha familia galega recibe unha carta de Río de Xaneiro que informa da morte no Brasil dun parente emigrado hai anos. A sospeita de que quizais foi un asasinato e non un accidente de tráfico, como asegura a misiva, acciona unha narración que se desenvolve en ambas beiras do Atlántico e que lle permite a Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) pescudar en cuestións como a identidade sexual, os segredos familiares e a emigración. Con Hotel Carioca (Galaxia), o autor gañou o primeiro premio Álvaro Cunqueiro de novela.

—O pano de fondo desta novela é a emigración a Brasil. A emigración é un reservorio de historias de nós que semella inesgotable?
—Efectivamente. Mais cando falamos de emigración só adoitamos sinalar o éxito dos nosos nos lugares de destino, coas súas achegas ás economías das comunidades nas que se instalaron, e esquecemos o fracaso dunha boa parte de xente que foi explotada, marxinada, con serios problemas de adaptación polas barreiras lingüísticas ou culturais. E a ese desafío de se integrar no estranxeiro hai que lle engadir os atrancos para volver, como lles acontece a algúns personaxes na miña novela.

—A novela tamén toca o caso dunha emigración non tanto por motivos económicos senón pola necesidade de vivir a sexualidade sen unha represión abafante.
—Eu quería tratar a homosexualidade en anos de forte estigma social, sobre todo en vilas pequenas, onde a discriminación era aberta e o rexeitamento as máis das veces estaba cargado de violencia física e verbal. A homosexualidade vivíase nun medo constante, acompañado dun illamento por falta de apoio dos familiares. Por iso, o estranxeiro e as cidades adoitaban ser espazos máis acolledores e tolerantes, pola oferta cultural ou de lecer e tamén por unha maior diversidade de persoas e estilos de vida. Non debemos esquecer que a marxinación da homosexualidade aquí tiña apoio legal, e mesmo a OMS a considerou unha doenza mental até o ano 1990.

—A trama xira arredor dun asasinato, pero semella tamén un «macguffin» para falar doutras cousas importantes. Como encaixa eses temas e a súa formulación narrativa a través das tramas e personaxes?
—A historia parte dun feito real que me leva perseguindo dende rapaz e que trata dunha carta que chegou de Río de Xaneiro explicando que un meu tío viña de morrer nun accidente de tráfico. Esa noticia moveu os alicerces da familia e mesmo ergueu a sospeita de que fora asasinado. Ese é o punto inicial dunha novela que non é a historia da miña familia paterna, pero na que a miña familia paterna si está dalgún xeito, por inspiración e por actitudes e responsabilidades que se dilúen en tramas reais e outras totalmente inventadas. A escrita é un acto de memoria e, eu cando escribo, fágoo coma se estivese a lembrar imaxes vividas, aínda que procedan da imaxinación.

—Non é moi usual unha narración en segunda persoa. Por que esa escolla?
—Xa probara esa voz en Laura no deserto para falar da experiencia nun campo de concentración da protagonista e coido que o efecto foi positivo porque se le coma unha voz incisiva e desconfiada que está a pór sempre en dúbida o verdadeiro fondo das palabras da protagonista. En Hotel Carioca parte da narración preséntase dende a perspectiva da personaxe, o que lle permite ao lector meterse na súa mente e acadar unha ollada íntima dos seus pensamentos e percepcións, pero coa sensación de que esa posición está un punto por riba da voz de conciencia e convoca a complicidade de quen le.
—E tamén hai literatura dentro da literatura, como en «A quinta de Saler»…
—Si, como xa fixen noutros libros hai un xogo metaliterario onde o texto é o resultado final e tamén o proceso que leva a el, pois non tanto conto unha historia como a forma en que esa historia se vai transformando en escrita. A novela vira sobre si mesma. Pero Hotel Carioca tamén acolle dentro de si outra clase de novelas como poden ser unha de formación, unha psicolóxica ou unha policial. Iso si, o feito metaliterario talvez se deba tamén a unha concepción lúdica da escrita, sen esquecer que esa ficción non sae da nada, senón da vida e da experiencia.

Archivado en: Emigración Literatura Brasil Tráfico Accidentes de Tráfico

Fonte: lavozdegalicia.es

Ver noticia completa
Accidentes de Tráfico Brasil Cultura Emigración La Voz de Galicia Literatura prensa Tráfico Xinzo de Limia
Tamén che pode interesar
A Agrupación Musical da Limia consegue o ouro nun prestixioso festival en Holanda
La Voz de Galicia A Agrupación Musical da Limia consegue o ouro nun prestixioso festival en Holanda
A Agrupación Musical da Limia, dirixida por José Luis Tielas, acadou a medalla de ouro no World Music Contest de Kerkrade (Países Baixos), un dos encontros de música de vento máis importantes do mundo. O grupo, que representa a Xinzo de Limia, competiu na terceira sección deste certame internacional o pasado 25 de xullo, coincidindo co Día de Galicia. O logro foi inesperado para os membros da banda, que acudiron ao evento co obxectivo de gañar experiencia e intercambiar cultura máis que de comp…
25 de agosto de 2026 1 min lectura
Seis concellos ourensáns recibirán 1,7 millóns da Xunta para mellorar instalacións deportivas e de emerxencias
La Voz de Galicia Seis concellos ourensáns recibirán 1,7 millóns da Xunta para mellorar instalacións deportivas e de emerxencias
A Xunta de Galicia repartirá 1,7 millóns de euros entre O Carballiño, Xinzo, O Pereiro de Aguiar, Boborás, A Bola e Laza para modernizar as súas infraestruturas locais. A maioría dos proxectos céntranse en renovar ou construír equipamentos deportivos, agás o caso de Laza, que destinará os fondos a crear unha base para o Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES). Estes son os investimentos principais: Boborás: 500.000 € para a reforma integral do pavillón municipal. O Pereiro de Aguiar: 307.0…
20 de agosto de 2026 1 min lectura
O Concello de Xinzo impulsará o centro de Limisi e asumirá o mantemento da travesía da N-525
La Voz de Galicia O Concello de Xinzo impulsará o centro de Limisi e asumirá o mantemento da travesía da N-525
O pleno de Xinzo de Limia aprobou este xoves bonificar os impostos das obras do futuro centro ocupacional da asociación Limisi, en Morgade, e informou de que o Concello se fará cargo do mantemento da travesía da N-525 tras a súa recente reforma. A corporación municipal deu luz verde aos seguintes asuntos clave: Centro de Limisi: Bonificouse o imposto de construción (ICIO) e a licenza urbanística para facilitar a rehabilitación do edificio, pendente agora de recibir unha subvención. Plan de ax…
28 de agosto de 2026 1 min lectura
PNFPB Install PWA using share icon

For IOS and IPAD browsers, Install PWA using add to home screen in ios safari browser or add to dock option in macos safari browser