← Volver La Región

Xinzo tivo a honra de nomear fillo adoptivo a Gonzalo Iglesias Sueiro

Xinzo tivo a honra de nomear fillo adoptivo a Gonzalo Iglesias Sueiro

Fotografía de arquivo. A Limia News.

O acto de nomeamento como fillo adoptivo de Gonzalo Iglesias Sueiro era ás 11,30 horas, pero moito antes o auditorio “Ángel Cocho” da Casa da Cultura de Xinzo de Limia estaba xa ateigado. Alí había amigos, familiares, representantes políticos do seu partido, pero tamén doutros. Ninguén quería perder a homenaxe dunha das figuras máis senlleiras e salientables da historia do pobo.

Porque o acto non só serviu para honrar o Iglesias que foi alcalde, profesor e director de colexio de Xinzo, senón tamén un dos seus habitantes máis queridos. Iglesias Sueiro subiu ao escenario emocionado, preludio de dúas horas de afecto, lembranzas e repaso a unha traxectoria exemplar nos eidos en que deixou a súa pegada: o educativo, o cultural e o político.
Alén disto, Gonzalo Iglesias colabora co xornal La Región dende o ano 2002, sendo unha das súas voces máis eruditas e preclaras, “que ilumina os sábados co seu artigo”, como apuntou o profesor Delfín Caseiro, quen tomou a palabra en primeiro lugar.

A continuación, o alcalde de Xinzo, Amador Díaz, mencionou que “con el aprendín a servir con humildade, honestidade e determinación”. O concelleiro de Cultura, Carlos Gómez, afirmou que este era un “acto de xustiza”, e pasou a enumerar os aspectos máis destacados do expediente de honra levado a pleno o pasado 19 de abril, e que foi aprobado por unanimidade.

Os fillos Gonzalo e Yabsera acompañaron a seu pai no acto (foto: Martiño Pinal).

Seguidamente, proxectouse un emotivo vídeo con imaxes que repasaron non só a vida e carreira de Iglesias Sueiro, senón tamén a súa intimidade familiar, con fotos dalgunhas das súas viaxes, sempre na compañía da súa muller Lola e dos fillos, Gonzalo, Yabsera e Yibela.

A laudatio correu a cargo de Xesús Alonso Montero, amigo persoal do homenaxeado “dende o ano 1968”, catedrático de Lingua Galega e expresidente da Real Academia Galega. Montero non se esqueceu dos que “xa non están, Carlos Casares, Camilo de Dios e Antonio Rodríguez”, antes de insistir en que “é dificil atopar no xornalismo español artigos tan luminosos e aliñados coa causa do progreso, a dos máis desfavorecidos, como os do ‘vello milenario’”.
Díaz e Gómez fixeron entón entrega a Iglesias Sueiro da medalla conmemorativa e do título de “fillo adoptivo” da vila, poñendo en pé aos presentes, que se ergueron nun aplauso sincero ao antigo mestre e dirixente socialista.

O salón de actos limiao estivo completemente cheo (foto: Martiño Pinal).

E chegou o momento por todos agardado. Gonzalo Iglesias, xa “adoptado” pola vila á que chegou no ano 1975, pronunciou un discurso de fonda humanidade e coa retranca que o caracteriza. Afectado polo párkinson dende hai varios anos, Iglesias arrancou as risas ao pedir perdón por ser “peor orador do que antes”. Procedeu a agradecer a tódolos implicados acto, entre os que salientou a Alfonso Carlos Lois, principal promotor. Iglesias non quixo esquecerse de ningún “amigo nin compañeiro, tampouco dos que quedaron polo camiño”.
Iglesias Sueiro tirou de memoria para recordar a “militancia contra o franquismo”, que ilustrou con varias anécdotas. Parafraseando a Neruda, o exdelegado de educación da Xunta no goberno bipartito confesou que “eu vivín intensamente: aos 18 anos xa era mestre, e compaxinaba a vida educativa coa loita contra o fascismo, que tanto dano facía”.
Por último, mencionou a seu fillo, a quen quere “pola vida”, e ás súas “marabillosas” fillas. Entre aplausos de admiración, Xinzo deu a “benvida” a un dos seus cidadáns exemplares, demostrando que a historia das vilas constrúese con personalidades únicas e irrepetibles, benqueridas por todos, como a do “novo” limiao don Gonzalo Iglesias Sueiro.

Fonte: laregion.es

Ver noticia completa
A Limia La Region prensa
Tamén che pode interesar
Celebración das "Vestales" en Xinzo de Limia: un tributo ao legado romano
La Región Celebración das "Vestales" en Xinzo de Limia: un tributo ao legado romano
A asociación Civitas Limicorum celebrou a terceira edición do evento "Vestales" en Xinzo de Limia, unha iniciativa que busca recuperar a conexión histórica da zona de A Limia co Imperio Romano. Este certame complementa a Festa do Esquecemento, que aspira a converterse nunha cita de Interés Turístico. O evento contou coa participación de diversos grupos de recreación histórica de toda España, desenvolvendo unha programación centrada na figura das sacerdotisas de Vesta e o simbolismo do lume sagr…
31 de mayo de 2026 2 min lectura
Profesionais do sector agrario de A Limia avalian novas variedades de cereais en Xinzo de Limia
La Región Profesionais do sector agrario de A Limia avalian novas variedades de cereais en Xinzo de Limia
Un grupo de profesionais do sector agrario de A Limia reuniuse en Piñeira Seca (Xinzo de Limia) para valorar os resultados dos ensaios que realiza o Centro de Investigacións Agrarias de Magebondo (CIAM) sobre novas variedades de cereal. Este estudo está vinculado á rede Grupo para a Avaliación de Novas Variedades de Cultivos Extensivos en España (Genvce). A demostración contou coa participación de Luis Urquijo, investigador responsable do ensayo, quen presentou cinco variedades de trigo de inve…
4 de junio de 2026 2 min lectura
Condena de destierro para un home tras ameazar ao seu veciño cun azadón en Celme
La Región Condena de destierro para un home tras ameazar ao seu veciño cun azadón en Celme
A magistrada Susana Pazos, da Sección Penal, dictou unha sentencia drástica contra Felipe C. F., condenándoo a abandonar a aldea de Celme (Rairiz de Veiga) durante tres anos. Esta medida de expulsión responde tras un incidente ocorrido o 30 de xullo de 2025, no que o acusado intentou atacar cun azadón ao seu veciño, José, un home de idade avanzada e condición física limitada. Segundo a sentenza, o agresor ameazou directamente a vida da vítima e golpeou a porta metálica da vivenda con o azadón, …
23 de mayo de 2026 2 min lectura