A comarca da Limia está a sufrir graves consecuencias debido ás sucesivas borrascas das últimas semanas. A produción de cereal de inverno resultou seriamente afectada e a de pataca, o produto estrela da zona, atópase comprometida.
Ante esta situación, a organización agraria Unións Agrarias (UUAA) solicitou á Consellería do Medio Rural a constitución e convocatoria urxente da Mesa da Pataca de Galicia. UUAA busca que esta mesa estea composta pola Administración, a industria e o sector produtor con representación no Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia, co obxectivo de analizar a problemática actual e propor solucións que aborden esta situación excepcional, aprobando medidas para paliar a caída de rendas nas explotacións.
A organización sinala que o sector atravesa un momento complexo debido á baixada de prezos en orixe e o incremento dos custos de produción. A estas dificultades súmanse as adversidades meteorolóxicas, que manteñen anegada unha parte importante das terras de cultivo. As cotizacións actuais, que apenas superan os 12 céntimos por quilo, agravaron a situación. Por iso, UUAA reclama ás administracións que vixíen o cumprimento da Lei da cadea alimentaria.
Ademais, UUAA pediu á Deputación de Ourense a posta en marcha dunha liña de axudas similar á anunciada para o sector da carne.