O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia denuncia o grave estado de deterioro de numerosas rúas do casco vello e outros barrios da vila. Os socialistas acusan ao alcalde, Amador Díaz, e ao Partido Popular de «enganos e mentiras» referentes ao Plan Hurbe, considerando que está «retrasado sine die e ausente dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2025».
O grupo municipal socialista afirma que os anuncios de reparación de rúas se repiten con frecuencia, pero carecen de plan de actuación definitivo e de financiamento por parte da Xunta. Critican que o Plan Hurbe, prometido pola Xunta e polo alcalde para obter o goberno de Xinzo, non recibe a financiación necesaria para reformar o casco vello, polo que transcorre a variante da Vía da Prata do Camiño de Santiago, que permanece nun estado lamentable.
Sobre as actuacións de mantemento e reparación no casco vello, o PSOE de Xinzo sinala que as recentes reparacións con aglomerado ou cemento non son axeitadas para este tipo de vía, protexida polo patrimonio cultural galego.
A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, subliña que as promesas que motivaron o pacto de Amador Díaz e Axil co PP non se materializaron. A edil destaca o pésimo estado das rúas, as numerosas caídas e feridas provocadas polas placas de pedra rotas polo paso de vehículos pesados, e o aumento de reclamacións por lesións.
O PSOE de Xinzo lamenta que, mesmo despois das festas de Nadal e a menos dun mes do Entroido, as obras nas rúas principais do casco vello (Lepanto, Constitución, Galicia e a Praza de Oriente) seguen sen comezar. Estas rúas son cruciais para as celebracións do Entroido.
Lama Fernández critica a escasa influencia do Partido Popular de Xinzo na Xunta de Galicia, incluído o papel da deputada e concelleira de deportes, Cristina Campero. A voceira socialista considera que o PP é incapaz de traer a Xinzo as obras prometidas a Axil, destacando a existencia de moitas necesidades que son competencia directa da Xunta.